Pontón pide sumar en Jorquera o voto das persoas que queren unha Coruña en grande, sustentable, feminista e de vangarda
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo na Coruña acompañando ao candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, nun acto de presentación da proposta do BNG de área metropolitana como ferramenta capaz de xerar sinerxías e oportunidades no ámbito económico, social e cultural, dinamizar e mellorar a calidade de vida dunha área que aglutina unha poboación de 600.000 persoas.
“Vimos a estas eleccións con ambición, queremos pensar A Coruña en grande, por iso facemos esta aposta clara pola área metropolitana, con estratexia política e visión de futuro e desde a colaboración”, indicou, pero para iso é preciso o liderado e impulso político que ten o candidato nacionalista.
“É o alcalde que pode devolverlle a esta urbe o liderado porque entende A Coruña como unha cidade que hai que pensar en grande e sabendo que o BNG ten detrás un modelo de País entendendo que que lle vaia ben á Coruña é bo para Galiza”, argumentou, “o que é evidente é que a cidade necesita impulso, novas ideas e máis ambición da que tivo nos últimos anos, e Jorquera é o que necesita a cidade para poder avanzar”, indicou.
Por iso, Pontón fixo un chamamento “a unir no BNG a todas esas persoas que queren construír outro modelo de cidade, unha cidade de vangarda, sustentable, feminista, en verde e máis xusta; unha cidade que debe saír da rutina e dar un paso adiante para converterse nun referente tanto dentro como fóra de Galiza”, subliñou.
“No BNG confiamos na Coruña, no seu potencial porque ten sectores económicos potentes, xente traballadora, capacidade para innovar e para saír adiante, pero necesita un novo impulso capaz de poñer en marcha un novo modelo de cidade que é o que defendemos desde o BNG. Polo tanto, todas as persoas que queren construír unha Galiza e unha Coruña en grande teñen no BNG a súa papeleta”, recalcou.
A portavoz nacional apelou a “unir no BNG toda esa ilusión por Coruña, todas esas ganas de cambio, de construír un modelo de cidade máis acolledora, inclusiva, social e ese é o proxecto que ofrecemos no BNG, construír Coruña en grande”.
En relación á areal metropolitana, destacou que o Bloque aposta por un futuro de cooperación, “superando os límites das actuais demarcacións dos concellos, por iso cremos que unha das grandes fortalezas que temos é a cooperación, a planificación do noso territorio tendo en conta cales son as relacións económicas, sociais e humanas que se producen entre os diferentes concellos e ser capaces de darlle unha dimensión maior”.
Por iso, a área metropolitana é unha aposta estratéxica, “unha gran oportunidade para pensar nun maior desenvolvemento económico, planificar o territorio, crear máis calidade de vida e crear tamén máis dinamismo económico e social”, concluíu.