parlamento galego

Pontón pide a Rueda que rectifique para non investir 250 M€ na bomba ambiental de ALTRI

Demanda que deixe de facer de comercial da multinacional para colocar en Galiza unha macrocelulosa contaminante que non quere Portugal

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “rectifique” no seu empeño de colocar a “bomba ambiental de ALTRI no corazón do País” e destine os 250 M€ de fondos europeos cos que quere subvencionar  á multinacional a revitalizar o rural, rexenerar as rías e o Ulla e a apoiar aos sectores produtivos e ás PEMES.

“Deixe de facer de comercial de ALTRI porque dá vergoña allea ver como o presidente de Galiza fai de comercial dunha multinacional lusa para colocarnos unha macrocelulosa contaminante que non quere Portugal”, reprobou a Rueda na sesión de control.

Pontón pediu ao titular da Xunta non xa que escoite ao BNG, “porque a súa soberbia non llo permite”,  pero que cando menos “teña un pouco de humildade para escoitar ós milleiros de persoas que se manifestaron o domingo  nunha “marea de dignidade” para dicirlle alto e claro que “as súas vidas son máis importantes que calquera multinacional”. E mentres a cidadanía galega se manifestaba en Palas de Rei, “vostede estaba de palmeiro do discurso do PP máis ultra” noutra mobilización ben distinta en Madrid. “Dime con quen te manifestas e direiche os intereses que defendes”, subliñou.

A líder do Bloque denunciou que o Goberno de Rueda mentiu, enganou e ocultou información difundindo que se trataba dunha fábrica de creación de fibras téxtiles de economía circular. A realidade é que se trata dunha macrocelulosa que vai supoñer un golpe mortal para a comarca de Arzúa-Ulloa, -a segunda denominación de orixe máis produtiva de todo o Estado-, e que supón contaminar o río Ulla que desemboca na Ría de Arousa, da que viven 4.000 familias. Curiosamente,  o verdadeiro proxecto non se coñeceu até despois das eleccións, en concreto, o 20 de febreiro de 2024.

Entre as mentiras, Pontón tamén citou os datos de creación de emprego, xa que tras difundir a cifra de 2.500 postos de traballo directos, agora a documentación do proxecto fala de 500 no mellor dos casos. “Sabe a canto sae cada posto de traballo? A medio millón de euros, quen lle dera aos empresarios deste País que vostede os defendera así, menos abrazarse as multinacionais e máis apoio para o tecido económico e para as persoas autónomas que crean emprego!”, reclamou.

Na súa intervención, a portavoz nacional ironizou sobre o “escapismo” de Rueda. “Eu pregúntolle por ALTRI e vostede responde con Bildu; e pregúntolle por que quere colocar no corazón de Galiza unha macrocelulosa contaminante e vostede responde con Esquerra Republicana de Catalunya, Rueda o escapista, todo un síntoma de que sabe que este proxecto é indefendible”, alegou.

Tras insistirlle en que deixe de facer de comercial de ALTRI, Pontón lembrou que a multinacional portuguesa ten como socio na macrocelulosa a Greenalia, a empresa da exconselleira do PP Beatriz Mato: “A que fora conselleira de Medio Ambiente agora  quere colocar unha bomba ambiental no corazón deste País, que voltas da vida coas portas xiratorias do Partido Popular”, concluíu.