Pontón pide a Rueda que non vete a comparecencia de Feijóo nin a documentación que afecte ás empresas vinculadas a familiares do PP

A deslealdade co País do xefe do Executivo vaille facer perder a Galiza M€ en financiamento, un servilismo a Madrid que paga a cidadanía, advirte

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o primeiro cara a cara con Rueda para pedirlle ao xefe do Executivo que demostre que non ten nada que ocultar, evitando vetos na comisión de investigación que impulsa o BNG en relación ao sobrecusto de 470 M€ no Hospital de Vigo e ós contratos coas empresas amigas e vinculadas a familiares do PP.

“Espero que non vete ningunha comparecencia, empezando pola súa e seguindo pola do señor Feijóo, e que tampouco vete ningún tipo de documentación, incluídos os contratos con empresas vinculadas a familiares do ex presidente da Xunta”, recalcou, tras destacar que a investigación sae adiante pese ao Partido Popular. “Até agora a súa actuación é a propia de quen ten medo á transparencia e retrata a un presidente que ten moito que esconder, dálle urticaria que se investigue”, denunciou.

Ante o escapismo de Rueda replicando con Venezuela, a líder do Bloque destacou que “os 1.311 contratos a dedo coa empresa do ex presidente da Xunta non os fixo Maduro senón Feijóo e Rueda, os mesmos que usaron os cartos de todos os galegos e as galegas para beneficiar a empresas relacionados con familiares de cargos do PP”.

Pontón usou a sesión de control para denunciar a deslealdade de Rueda con Galiza en asuntos tan importantes como o financiamento, advertindo que esa deslealdade vaille facer perder millóns de euros a este País, en relación á instrución de Génova de non negociar bilateralmente co goberno do Estado ningunha redución da débeda pública.

“Esa é a orde que lle chega desde Madrid e vostede cala e acata”, recriminou a líder do Bloque que ve ao xefe da Xunta instalado no “si bwana” á estratexia partidista do PP, “demostrando ser un presidente servil e submiso a Madrid até límites nunca vistos”. “Vai defender unha quita para Galiza, si ou non? Vai permitir que Galiza sexa a única nación histórica que non teña a chave dos seus cartos, si ou non?”, interpelou.

A portavoz nacional destacou que a axenda de prioridades de Rueda non coincide coas prioridades da maioría social, precisamente porque a súa lealdade non está con Galiza senón co PP e coas empresas amigas para as que goberna.

Así se explica que suprima o complemento autonómico do bono eléctrico contra a pobreza enerxética pese a que os niveles de inflación son máis altos ca media do Estado pese a ter salarios e pensións máis baixas, “porque a súa prioridade non é axudar ás familias senón seguir engordando o negocio das eléctricas”.  Rueda, denunciou, “actúa de comercial de ALTRI contra vento e marea, mesmo despois do contundente informe do Consello da Cultura, pero en lugar de tomar nota, arremete contra un órgano asesor sen molestarse sequera en ler o informe”.

Exemplo de que a prioridade de Rueda e cumprir con Génova foi tamén o “plantón” aos reitores das universidades galegas no inicio do curso, “para saír correndo ante a chamada do seu xefe de filas, nesta ocasión para render pleitesía nun tema tan importante como o financiamento”.

“Demostre que é capaz de rectificar cunha axenda de prioridades a favor de Galiza, entre as que tamén debe estar dar explicacións sobre a xestión de cada euro público”, concluíu.