Pontón pide a Rueda que non se esconda no despacho e explique no Parlamento as medidas ante o colapso sanitario
“O Goberno do PP está facendo unha xestión caótica da sanidade e pon en risco a saúde dos galegos e das galegas”, denuncia desde Montecelo
O BNG critica 13 anos de recortes e falta de planificación e propón 200 M€ para rescatar atención primaria e 149 M€ para reducir as listas de agarda
A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse ao Hospital de Montecelo, - cuxo servizo de urxencias estivo colapsado varios días-, para denunciar a situación de “extrema” gravidade na que se encontra o sistema público de saúde, en particular nunha área sanitaria que se ten convertido na zona cero de trece anos de recortes, privatizacións e falta de planificación do Goberno do PP.
“Unha situación que causa una gran preocupación na poboación en xeral, que causa sufrimento nas persoas enfermas e que ten levado ao límite ao persoal sanitario, que está dando o mellor porque son excelentes profesionais pero que non poden seguir aturando unha situación de precariedade, falta de medios e de anticipación”, destacou a líder do BNG.
A portavoz nacionalista instou ao presidente da Xunta a comparecer para explicar en sede parlamentaria que medidas vai adoptar o Executivo galego para reverter o colapso da sanidade.
“O que resulta incomprensible é que ante esta situación, o presidente da Xunta se negue a vir ao Parlamento para explicarlle á cidadanía cales son as alternativas que vai poñer encima da mesa para resolver o problema. O señor Rueda está escondido no seu despacho de San Caetano ante o colapso sanitario que pon en risco saúde dos galegos e das galegas, escondido detrás das mentiras e manipulacións coas que quere tapar as consecuencias de trece anos de recortes, falta de planificación e nun momento no que se está facendo unha xestión caótica”, denunciou.
Desde o hospital de Montecelo, a líder do Bloque deixou catro propostas para o presidente da Xunta. A primeira, “que dea a cara” e compareza no Parlamento para explicar que medidas vai tomar o goberno do PP, insistiu. En segundo lugar, que rectifique e poña en marcha un plan de rescate da atención primaria dotado con 200 millóns de euros.
En terceiro lugar, aprobar un programa para incorporar novos servizos nos centros de saúde, como psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental. Finalmente, que poña en marcha un plan de choque para eliminar as listas de agarda, obxectivo que estaba detrás da emenda de 149 millóns de euros presentada polo BNG aos orzamentos de 2023.
Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pola portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, e por responsables locais e comarcais do BNG, Pontón denunciou que precisamente á area sanitaria de Pontevedra e Salnés a que soporta como poucas as consecuencias da política de acoso e derribo á sanidade pública despregada polo PP desde 2009.
En toda a área apenas hai centro de saúde que funcione con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden; centos de persoas non poden pedir cita médica presencial nin teñen facultativo asinado; centos de nenos e nenas carecen de pediatra e cada vez son máis os PACs sen persoal médico, obrigando aos doentes a “peregrinar” dun punto de urxencias a outro para ver onde ese día hai facultativo.
“Unha atención primaria colapsada significa un servizo de urxencias hospitalario colapsado. E iso é o que está pasando no Hospital Montecelo estes días: con ducias de doentes pendentes de ser ingresados por falta de camas, despois de que o PP teña pechado camas ao longo destes anos, e todas lembramos aquel famoso argumento de que os hospitais non eran hoteis”, criticou Pontón, “por iso é urxente dotar á sanidade pública dos medios que precisa, dos recursos humanos que necesita coas condicións laborais dignas para que o persoal poida facer ben o seu traballo”, concluíu.