Pontón pide a Rueda que non boicotee a comisión de investigación impoñendo o plan de traballo do PP
“Téñenlle terror á investigación, pero se tiveran a conciencia tranquila permitirían que a comisión traballara en lugar de tentar boicoteala”, alega
Denuncia a deriva autoritaria do titular da Xunta e reclámalle que rectifique e negocie coa oposición as comparecencias sen vetos
Reclámalle que rescate o hospital Álvaro Cunqueiro porque ninguén entende que se rescate as concesionarias e non a sanidade pública
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que non boicotee a comisión de investigación sobre as irregularidades na contratación pública do Goberno do PP impoñendo o plan de traballo dos populares.
Pontón reprochou a Rueda a negativa do seu partido a negociar o plan de traballo da comisión, “algo que non pasou nunca neste Parlamento”, advertiu nunha sesión de control parlamentaria na que afirmou que o PP “tenlle pavor” á investigación.
“Téñenlle terror porque se tiveran a conciencia tranquila, se non tiveran nada que agochar, non estarían tentando boicotear a comisión”, recriminou ao presidente do Executivo, a quen pediu que rectifique e negocie coa oposición as comparecencias sen vetos porque, recalcou, “este Parlamento non é a súa finca particular”.
“Vai vostede negociar ou vai, coma sempre, esconderse detrás do absolutismo e do autoritarismo?”, interpelou a portavoz nacional a un Rueda ao que acusou de “castigar aos galegos e ás galegas cunha peor atención sanitaria cos seus recortes e privatizacións”.
A portavoz nacional fixo referencia precisamente a un dos asuntos obxecto da comisión de investigación, o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unha cifra que vai “engrosar os beneficios que teñen as construtoras e os fondos voitre”, na vez de mellorar a sanidade pública, coa contratación de máis profesionais ou a dotación do servizo de radioterapia que precisa Vigo, onde doentes oncolóxicos “tiveron que ser citados de madrugada ou trasladados a Ourense”.
“Estas son as consecuencias das privatizacións do Partido Popular”, sintetizou Pontón, quen apuntou que, por esta razón, o BNG, quere que se investigue na comisión de investigación un sobrecusto de 470 millóns por “un hospital máis pequeno, con menos camas e menos superficie” do previsto.
“Preocuṕaballes a situación da sanidade cando tomaron unha decisión sen os informes pertinentes, como está dicindo o Consello de Contas, de contratar un hospital polo que imos pagar 470 millóns de máis?”, reprochou ao titular da Xunta, a quen pediu que “ rectifique e rescate o hospital” porque “ninguén entende que se rescaten as concesionarias” e non a sanidade pública.
Unha sanidade na que, advertiu, o Goberno do PP ten a 372.000 galegos e galegas en lista de espera; 212.000, agardando por unha primeira consulta, 45.027, por unha intervención e 114.632 esperando por unha proba diagnóstica. En total, 85.000 persoas máis que hai cinco anos, evidenciando así a incapacidade dun Executivo que nin sequera foi quen de “recuperar a situación previa á pandemia”.
E isto, con datos a 31 de decembro de 2023, porque a Xunta aínda non publicou as listas de espera do primeiro semestre deste ano 2024 que xa está rematando. “Non sei se son tan malas que teñen que agochalas”, afeou a Rueda, ao que retou a contrastar unhas cifras que no caso do BNG son datos oficiais do Sergas e do Ministerio de Sanidade e no caso dos arroxados polo PP non se sabe. “Cales son as súas fontes, señor Rueda?”, interpelou.
A portavoz nacional tamén reprochou ao titular do Executivo as listas de espera de até tres semanas na Atención Primaria ou que, a día de hoxe, haxa nada menos que 201 concellos sen pediatra, en total, 11.000 nenas e nenos sen atención. “Onde está a súa xustiza para eses nenos e nenas do rural?”, cuestionou.
Pontón ofreceu dous últimos datos moi esclarecedores da dura situación sanitaria na que se atopa o País e que o Executivo de Rueda quere ocultar á cidadanía: o primeiro, os recursos que serían precisos para que a Atención Primaria tivese o mesmo nivel de gasto que en 2009, actualizado o IPC, e que ascenden a 275 millóns de euros.
O segundo, o recortazo aplicado polo Goberno do PP na Atención Primaria nos últimos 15 anos: en total, 1.961 millóns de euros, unha cifra que sitúa a Galiza á cola no investimento neste ámbito en todo o Estado, só superada por Madrid.
A líder nacionalista aproveitou tamén a súa intervención para dirixir as súas primeiras palabras ao pobo valenciano, a quen enviou toda “a solidariedade e cariño” diante dunha catástrofe na que pediu a máxima colaboración entre institucións para axudar “ante unha traxedia que nos encolle o corazón a todas e todos”, concluíu.