Pontón pide a Rueda derrogar o decreto da vergoña e retomar o consenso cumprindo o Plan de Normalización Lingüística

Quince anos de bullying do PP con políticas lingüicida estalle roubando ás novas xeracións o seu dereito e a súa liberdade a falar en galego

“O galego é a lingua que nos une, herdada das nosas avoas e dos nosos pais e nais, e queremos que siga sendo a lingua dos nosos fillos e fillas”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que derrogue o “decreto da vergoña” e retome o consenso sobre o galego cumprindo o Plan de Normalización Lingüística, tras quince anos de bullying do PP ao idioma propio que lle “está roubando ás novas xeracións o seu dereito e a súa liberdade a falar en galego”.

Pontón levou deste xeito á sesión de control o estado de emerxencia no que se atopa o galego, tal e como acredita o último e “demoledor” informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) que, advertiu, constata como “se desangra” a lingua a consecuencia das “políticas lingüicidas” do Goberno do PP.

Neste sentido, recordou que na xeración educada integramente co “decreto da vergoña”, un de cada tres menores saben pouco o nada de galego e só o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan galego sempre, a metade que en 2018.

“Con esta progresión, en seis anos a nosa lingua estará laminada entre as novas xeracións e vostede terá outra medalla no seu currículo, roubarlle aos máis novos o seu dereito e a súa liberdade a falar en galego”, recriminou ao titular do Executivo.

“Deixe de estar detrás da pancarta contra o galego”

Por iso, reclamou a Rueda que “deixe de estar detrás da pancarta contra o galego”, abandone as súas “políticas de acoso e derribo” á lingua propia e rectifique, en primeiro lugar, derrogando un denominado decreto do plurilingüismo que é un timo: nin máis galego, nin máis inglés, o único que avanza é o monolingüismo en castelán.

Para o BNG, o decreto da vergoña converteu a escola nunha máquina de desgaleguización, de tal xeito que “os nenos e nenas entran pola porta falando galego e saen falando castelán” porque o PP converteu o idioma “nunha lingua de segunda”, afondou a portavoz nacional.  

En segundo lugar, Pontón reclamou ao presidente da Xunta que retome a vía do consenso lingüístico dando cumprimento ao Plan Xeral de Normalización Lingüística, o “gran pacto pola lingua, votado por unanimidade e cuxos obxectivos seguen vixentes”, recordou.

Por último, tamén pediu a Rueda que triplique o investimento para normalizar o galego, deixando de “utilizar a lingua para dividir”. “O galego é a lingua común deste País, a que nos une a todas as persoas que vivimos aquí, falen o que falen, a que herdamos das nosas avoas, dos nosos pais e nais, e queremos que siga sendo a lingua dos nosos fillos e fillas”, sintetizou, para reprochar a continuación ao titular do Executivo o seu “amargor” contra o idioma propio.

Neste sentido, acusouno de poñerse detrás da pancarta e ao lado dos sectores máis ultras na manifestación contra o galego “por un mísero puñado de votos” e de romper o consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística “por intereses partidistas”. “Vostedes romperon un por un todos os acordos, única e exclusivamente, por intereses partidistas”, incidiu.

Fronte aos datos alarmantes do informe do Instituto de Estatística, a líder nacionalista acusou ao titular do Executivo de, na vez de buscar solucións, buscar culpables, responsabilizando aos inmigrantes, ás familias, ás redes sociais e mesmo ao propio IGE do estado do galego sen asumir ningunha responsabilidade.

E non só iso, incidiu, senón mantendo o “recortazo” no galego nos Orzamentos 2025, promovendo unha reforma na CRTVG para arrinconar a lingua ou mantendo un decreto da vergoña que até o Consello de Europa pide eliminar.

Fronte ao reiterativo argumento da liberdade lingüística esgrimido por Rueda, Pontón recordoulle que sen igualdade, non hai liberade. “Onde está a igualdade para o galego? Onde está o 50% do galego nos medios de comunicación? Onde está o 50% do galego na xustiza? Onde está o 50% do galego na sanidade? Onde está o 50% do galego nas estreas de cine? Onde está o 50% do galego no ensino, Sr. Rueda?”, cuestionou.

O PP busca un acordo ou unha foto?

Neste contexto, avanzou que o BNG acudirá “coa mellor disposición” á reunión convocada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude para abordar un novo pacto en favor do galego, pero advertiu que se o ton é o mesmo que o empregado por Rueda na sesión de control de hoxe, o PP demostrará que “non quere un acordo”, senón que “o que quere é unha foto”.

Ante os chascarrillos do titular do Executivo na súa intervención, Pontón pediulle que deixara de frivolizar ante o que considerou un “gravísimo problema”. “Non é que a xente non queira falar galego, é que as súas políticas están indo en contra da liberdade de todas esas persoas que queren falar galego”, reprendeu a un Rueda que “nin tan sequera garante na súa Administración o dereito a ser atendidos e atendidas en galego”, subliñou.

Malia política lingüicida do PP, a líder nacionalista rematou a súa intervención cunha chamada ao optimismo. “O galego sempre saíu adiante ao longo da súa historia porque se hai neste País é amor polo que somos e ese amor prevalecerá, pese a vostedes”, concluíu.