Pontón ofrece a Rueda un gran pacto de País en catro temas clave: sanidade, vivenda, enerxía e rexeneración democrática
“Non desprece a nosa man tendida, escoite á cidadanía que non pensa como vostede e, por unha vez, teza acordos a favor de Galiza”, proclamou
Avanza unha oposición construtiva tras un apoio histórico: “Actuaremos como goberno alternativo; a cada crítica, aportaremos unha solución”
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no debate de investidura unha alternativa de goberno ante a falta dun “proxecto de futuro para Galiza” do candidato do PP que no seu “preocupante” discurso “quedou espido”, dixo, ao evidenciar a ausencia de ideas e propostas e limitarse “a repetir o de sempre” debuxando un presidente “preso da estratexia de Génova” que lle impoñen desde Madrid.
Pontón debuxou ao longo da súa intervención a folla de ruta do Bloque para esta lexislatura que pasará polo “rigoroso labor de control” sobre a acción de goberno e, ao tempo, polo exercicio dunha oposición construtiva, con propostas alternativas a favor dos galegos e das galegas. “Actuaremos como goberno alternativo e, a cada crítica, aportaremos unha solución explicando que faría un Goberno do BNG para mellorar a vida da cidadanía”, explicou.
Así mesmo, amosou o compromiso nacionalista para “facer política de luces longas”, lonxe da crispación que o PP está instalando na vida pública, “enlamando o debate coa confrontación permanente, onde a lexítima discrepancia é substituída polo insulto ao adversario e polo todo vale”. “Para formar parte da Confraría da Perpetua Crispación que lle impón Feijóo dende Madrid, non conte con nós”, advertiu a Alfonso Rueda.
Baixo estas dúas premisas e en primeiro termo, a portavoz nacional ofreceu a Rueda, catro grandes acordos de País, concretamente en materia de sanidade, acceso á vivenda, modelo enerxético e rexeneración democrática.
No ámbito sanitario, a proposta do BNG pasa por reverter os recortes do PP na Atención Primaria, “o que fai que haxa listas de espera, algo absolutamente inédito”, apuntou. Por iso, propuxo un gran pacto en defensa da sanidade pública articulado sobre catro puntos básicos.
O primeiro, blindar por lei o financiamento da Atención Primaria que, como mínimo debe ser do 25% do gasto sanitario. Segundo, desenvolver un novo modelo, recuperando as xerencias e dotando os centros de saúde con equipas multidisciplinares, con psicoloxía clínica, logopedia ou podoloxía, entre outras especialidades. En terceiro lugar, garantir que todos os nenos e nenas teñan pediatra, vivan onde vivan, e, por último, rematar coa precariedade laboral convocando todas as prazas vacantes no Sergas.
O segundo gran pacto pasa por poñer en marcha un plan de compra masiva de vivenda baleira nunha Galiza que ten 500.000 inmobles desocupados, 90.000 nas sete grandes cidades. Un plan que ten como obxectivo ofertar 6.000 vivendas en aluguer a prezo taxado ao longo desta lexislatura, “unha cifra ambiciosa pero realizable”, e unha opción “máis rápida e moito máis sustentable” que a de nova construción, apuntou.
No ámbito enerxético, Pontón defendeu a necesidade de parar o actual boom eólico depredador e substituílo por unha planificación a favor do País porque, segundo advertiu, “hoxe o que está pasando é que son as eléctricas as que deciden como, onde e cantos parques instalan en función do seu negocio”, denunciou.
“Non se trata de encher os montes de muíños para as eléctricas, senón de aproveitar todas as fontes de enerxía renovables, de maneira planificada, ordenada e en beneficio de Galiza”, afondou para apostar pola creación, por unha banda, dunha empresa 100% pública de enerxía aberta á participación dos concellos, “igual que teñen en países como Francia, Italia ou Suecia”, e, por outra, por unha tarifa eléctrica galega “que permita rebaixar a factura da luz ás familias e ao tecido económico”.
“A proposta do BNG consiste en poñer a riqueza eléctrica ao servizo da xente, democratizar o acceso á enerxía e preservar a biodiversidade e o territorio. Eólica si, pero ao servizo de Galiza!”, resumiu.
Finalmente, a líder nacionalista tamén ofreceu un acordo en materia de rexeneración democrática, a comezar polos medios públicos, “para que deixen de ser o aparato de intoxicación e propaganda do PP e se poñan ao servizo da cidadanía”. Neste sentido, propuxo algo tan evidente como “cumprir a lei”, creando, nada máis e nada menos que 13 anos despois de ser aprobados por lei, o estatuto profesional e o consello de informativos e, propiciando unha nova dirección elixida a través dun concurso público.
Neste pacto pola rexeneración democrática tamén considerou clave respectar ao Parlamento “en lugar de esconder información para impedir o labor da oposición”, como cando o PP oculta os convenios do Sergas coa sanidade privada ou cando se nega a auditar os contratos realizados durante a pandemia a pesar da numerosas irregularidades que se foron detectando. “Se non teñen nada que esconder por que o PP veta en Galiza a mesma investigación que pide en Madrid?”, cuestionou.
Na mesma liña, sinalou á necesidade de cumprir co principio de “transparencia” logo de apuntar a un portal de transparencia que, en realidade, “é o portal de opacidade, porque ocultan miles e miles de contratos a dedo” como, exemplificou, “os 1.311 contratos a dedo en cinco anos coa empresa que dirixe en Galiza a irmá do señor Feijóo”. En definitiva, “ofrecémoslle un pacto para que esta maneira de actuar forme parte do pasado”, sintetizou.
“Pídolle que non desprece a nosa man tendida; por unha vez, escoite, dialogue negocie e teza acordos”, reclamou a Rueda, ao que tamén pediu que demostre nesta lexislatura que “está disposto a facer política con maiúsculas” e non como ata agora, que só demostrou que canto mellor lle vai ao PP, peor lle vai a Galiza.
Man tendida para negociar en Madrid competencias, débeda e financiamento
Ademais destes grandes acordos, Pontón tamén tendeu a man a Rueda para defender os intereses de Galiza ante o Estado. “Pídolle que deixe de poñer o interese do PP por riba de Galiza e que aproveite esta oportunidade que lle brinda o BNG para negociar as competencias pendentes e para negociar unha redución da débeda”, ofreceu, logo de lembrar que o Goberno do PP non acadou nin unha soa competencia nova en 15 anos.
Neste sentido, amosoulle a súa disposición para manter unha reunión co obxectivo de “unir forzas na defensa de Galiza”. “Pode contar co BNG, igual que pode contar con nós para que Galiza teña un financiamento máis xusto”, engadiu.
“Industrializar Galiza, si; pero contaminar Galiza coa macrocelulosa de Altri, non”
Na súa intervención, Pontón apostou polo desenvolvemento industrial do País, pero cunha “industria do século XXI, sustentable co territorio, co medio ambiente e co rural”, e non con proxectos como o de Altri, “unha macrocelulosa” que é “unha bomba ambiental no rural” e sobre o que “mentiron, enganaron e ocultaron información tanto ao Parlamento como á sociedade”, acusou ao PP.
“A empresa que promove este proxecto é portuguesa; se é tan excelente por que non a queren en Portugal? A resposta é moi simple: porque é contaminante”, recriminou a Rueda, logo de advertir que, ademais, a planta proxectada non só supón un “golpe mortal” para o sector agrogandeiro de Arzúa-Ulloa, senón que deixaría sen medio de vida a miles de persoas no rural e tamén na costa, porque afectaría ao río Ulla que desemboca na ría de Arousa, “da que viven 4.000 familias”.
A líder nacionalista recordou que o proxecto “é unha agresión ambiental descomunal” que consumiría cada día máis auga que toda a poboación de Lugo e, por riba, subvencionada con 250 millóns de euros das arcas públicas, unha contía catro veces maior que a que reciben anualmente os 204.248 traballadores e traballadoras autónomas do País. “Industrializar Galiza, si; pero contaminar Galiza e hipotecar o futuro deste País, non”, proclamou.
Realidade versus demagoxia
Nunha intervención que arrancou cunha aposta clara pola paz e anunciando unha iniciativa para reclamar a ruptura de relacións con Israel e a venda de armas a Netanyahu por crimes contra a humanidade en Palestina, a portavoz nacional foi confrontando “o discurso baleiro e demagóxico” de Rueda coa realidade.
Unha realidade que se mostra teimuda fronte ás afirmacións cheas de “demagoxia” realizadas polo candidato do PP á Presidencia no seu discurso de investidura e que exemplificou con datos. Como no ámbito sanitario, cun recorte de 2.339 millóns de euros na Atención Primaria, 9.000 persoas esperando por unha primeira consulta en psiquiatría e 11.000 nenos e nenas sen pediatra.
A isto sumou a privatización das residencias de maiores, ámbito no que criticou a Rueda por limitarse a “presumir das que fai unha fundación privada, que nin sequera é capaz de garantir que sexan de xestión pública pese a todo o que vivimos na pandemia”; ou o baixo investimento en dependencia, con 1.603 euros menos por persoa dependente que en 2009.
“Saia da súa realidade de telexornal, señor Rueda!”, reclamou logo de advertir tamén que Galiza ten 4.000 muíños de vento e 150 centrais hidráulicas cuns beneficios que marchan fóra mentres o País perde emprego industrial e case 19.000 postos de traballo no sector agrogandeiro e pequeiro ou mentres 200.000 mozos e mozas tiveron que emigrar buscando as oportunidades que non atopan aquí.
Neste contexto, Pontón pediu a Rueda non caer “no absolutismo” e escoitar “a quen non pensa igual que vostede”. “Escoite á cidadanía porque ten a maioría de escanos nesta Cámara, pero a maioría dos galegos e das galegas non lle deron nin a súa confianza, nin o seu apoio nas urnas”, afondou para advertir que o pasado 18 de febreiro foron máis de 715.000 galegos e galegas os que “pediron outra maneira de gobernar”.
A líder nacionalista rematou a súa intervención comprometendo o traballo do BNG -cun grupo parlamentario reforzado co apoio de case medio millón de galegos e galegas- en favor dunha sanidade e dun ensino públicos de calidade, dunha vellez tranquila, de oportunidades para a mocidade e por unha Galiza produtiva que aposte pola ciencia e plante cara á emerxencia climática.
“Imos traballar por e para os galegos e as galegas, para mellorar as súas vidas e poñer en marcha unha Galiza con máis oportunidades, capaz de afrontar os retos que xa están aquí”, afirmou para, concluír a continuación desexando a Rueda acertos como presidente dado que, “máis aló das nosas evidentes discrepancias, os seus acertos redundarán en beneficio deste País e desde o BNG queremos o mellor para Galiza”.