Pontón e Miranda comprometen na Semana Verde que o BNG defenderá o sector agrogandeiro en Europa co escano galego
O BNG impulsará outra Política Agraria Común que lonxe de discriminar a Galiza permita desenvolver todo o potencial produtivo para un rural vivo
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, pediron en Silleda o apoio á candidatura do BNG nas eleccións europeas, para “ter un escano galego que defenda o noso medio rural en Bruxelas”. O BNG aposta ademais por impulsar en Europa outra Política Agraria Común (PAC), adaptada a nosa realidade que, “en lugar de recortar e limitar, permita desenvolver todo o noso potencial produtivo”.
Así o manifestou a líder do Bloque durante a súa visita á 46 edición da Feira Semana Verde de Galicia, o “gran escaparate do potencial do sector agrogandeiro, tanto para producir alimentos de calidade como para a súa transformación para xerar valor engadido”, onde puxo en valor o traballo dos produtores e produtoras dun sector que vive un momento “complexo”.
Pontón asegurou que todos os países avanzados teñen un medio rural forte e Galiza quere ser un deles, ao tempo que destacou a importancia do sector “para conseguir un rural vivo, dinámico e produtivo”. Neste sentido, criticou a falta de compromiso das administracións e reclamou outro modelo de Política Agraria Común “que non discrimine os nosos gandeiros e gandeiras”.
Unha PAC que concede axudas a latifundistas simplemente por ter grandes extensións de terra aínda que non planten nin produzan nada, polo que avogou por poñer fin ás subvencións aos “agricultores de sofá” para apoiar “a quen realmente produce alimentos de calidade, a quen traballa a terra, a quen mantén un medio rural vivo e activo e a quen, ademais, preserva o noso territorio”.
Pola súa parte, a candidata Ana Miranda asegurou que “o escano galego en Bruxelas servirá para defender o noso medio rural, un sector agrogandeiro moderno, sustentable, que transforme a materia prima apostando pola I+D+i e que aporte riqueza e empregos dignos nun rural con futuro”.
Miranda insistiu en que o BNG foi e volverá ser con máis forza a partir do 9 de xuño “a voz contra a discriminación dos nosos sectores produtivos e a que defenda o dereito a desenvolver todo o potencial produtivo do País”, empezando polo sector agrogandeiro porque, “é a maneira de xerar riqueza e emprego digno na nosa Terra”.
Unha idea na que incidiu a portavoz nacional, que aproveitou a visita ás instalacións da Semana Verde pedindo unha gran mobilización nas urnas, que os galegos e as galegas “collan masivamente a papeleta que encabeza Ana Miranda; para que Galiza teña un voz propia e libre en Europa da man do BNG, o equipo da casa”.