Pontón e Miranda avanzan que o BNG defenderá en Europa un cambio na PAC a favor dun sector agrogandeiro sostible, innovador e que aporte empregos dignos no rural
Miranda: “Isto é o que necesita o noso rural e non a destrución de ALTRI”
Pontón compromete que o escano galego traballará para que a PAC deixe de discriminar ás e ós nosos produtores fronte aos “agricultores de sofá”
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, avanzaron en Castro de Rei que o BNG defenderá en Europa un cambio na Política Agraria Común (PAC) que se adapte á realidade galega en favor dun sector agrogandeiro sostible, innovador e que aporte empregos e rendas dignas no rural.
Así o manifestaron nunha visita ás instalacións de Innolact-Quescrem, empresa á que sinalaron como un exemplo que demostra a capacidade produtiva que ten Galiza cando aposta “pola innovación e polo coñecemento”, facéndoo ademais dende un concello no interior do País.
Neste sentido, Pontón comprometeu que o escano galego que representa o BNG vai servir para darlle voz ao tecido económico e produtivo do País e á capacidade produtiva e transformadora do sector agrario. Para iso, considerou clave a aposta pola innovación e o coñecemento, pero tamén por apoiar a quen produce, xa que toda a cadea de produción vinculada ao sector lácteo é estratéxica para Galiza e “ten que ter unha voz que a defenda en Europa”, subliñou.
“O BNG é a voz que quere defender a toda esa cadea de produción da industria láctea agraria do noso País, empezando por defender a nosa capacidade produtiva, pero tamén que teñamos un novo deseño da PAC que se adapte á realidade galega”, afondou para reclamar outra Política Agraria Común que defenda ás e aos produtores galegos, fronte aos ‘agricultores de sofá’ que reciben cuantiosas axudas simplemente por ter grandes extensións de terra aínda que non produzan nada.
Por iso, animou a todas as persoas que queren un rural vivo, cunha aposta decidida por unha agricultura que permita rendas dignas e por unha industria transformadora que xere un maior valor engadido a coller o próximo 9 de xuño a papeleta do BNG que encabeza Ana Miranda.
Pola súa parte, Miranda coincidiu en sinalar a Innolact-Quescrem como un proxecto de referencia que lle dá vida ao rural a través dun modelo produtivo baseado na innovación e na xeración de valor engadido con produtos de calidade e unha importante capacidade exportadora.
Neste sentido, afirmou que os fondos europeos, en concreto os Next Generation, “teñen que apostar por este tipo de empresas e non por outras como ALTRI”, polo que avogou por impulsar “este modelo” que, como no caso de Innolact-Quescrem, xera produtos cun alto valor engadido que encaixan perfectamente na estratexia europea denominada “Da Granxa á Mesa”.
A candidata nacionalista puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa do sector agrogandeiro galego e comprometeuse a seguir impulsando iniciativas que beneficien a produtoras e produtores e ao conxunto da industria transformadora.
Neste sentido, e ademais dunha PAC adaptada á realidade galega, Miranda tamén puxo o foco na aposta nacionalista por impulsar medidas concretas que contribúan ao relevo xeracional, dado que “a incorporación de xente moza garante a continuidade deste tipo de industrias”, concluíu.