Pontón e Lores demandan un cambio no modelo de financiamento local que fai perder a Pontevedra 3,4M
Primeira visita institucional de Ana Pontón como portavoz nacional ao Concello de Pontevedra, que a deputada aproveitou para poñer en valor o modelo de cidade desenvolvida polo goberno nacionalista que lidera Miguel Anxo Fernández Lores, unha referencia nítida no Estado, pero tamén a nivel internacional polo que supón de cambio transformador.
Pontón subliñou que Pontevedra é un exemplo inequívoco e un orgullo do que o BNG é capaz de facer desde as institucións con políticas transformadoras en beneficio das persoas.
Para o Bloque é un orgullo este concello, modelo de capacidade de transformación, de capacidade para poñer as institucións ao servizo do pobo e de defensa inquebrantable duns principios políticos, salientou. Unha referencia para nós e temos moito que recoller desta experiencia municipal, peza clave á hora de explicar o que ten aportado o nacionalismo a este país, para min como portavoz nacional do BNG é un orgullo que a transformación desta cidade se fixara desde un proxecto de país.
No encontro con rexedor e co grupo de goberno, no que tamén participou a deputada por Pontevedra, Montse Prado, abordouse o actual modelo de financiamento local que Pontón e Lores coincidiron en tachar de discriminatorio para os concellos galegos e que, só en 2016, fai perder a Pontevedra 3,4 millóns de euros.
Neste sentido, o Bloque considera necesario superar o marco de discriminación que se produce no Estado a respecto de Galiza, que en termos de financiamento local supón que cada galego e galega recibe 50 euros menos que a media estatal dos recursos que chegan da Participación nos ingresos do Estado (PIE), -40,85 no caso concreto de Pontevedra-.
Non entendemos como se explica que un veciño ou veciña reciba 50 euros menos polo mero feito de vivir aquí, denuncia Pontón. A discriminación é aínda máis evidente no caso das cidades, xa que un grupo de sete urbes con máis de 500.000 habitantes acapara un 33% dos 11.341 millóns de euros que o Estado distribúe aos municipios en 2016, pese a sumar o 18% da poboación.
Dobre discriminación
Galiza ten o 6,24% da poboación, pero os concellos galegos reciben 5,05% dos fondos do estado. Esta discriminación no financiamento é dobre, denuncia Pontón, posto que supón recibir menos recursos ca media nun territorio onde a prestación de servizos é máis custosa por causas como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación.
Preocupar a Feijóo e aos gobernos das cidades
É unha cuestión suficientemente importante para que preocupara e ocupara a quen goberna, tanto ao señor Feijóo como aos máximos responsables políticos das cidades galegas, indicou a portavoz do Bloque. É importante mudar este financiamento que discrimina ás persoas deste país e urxe cambiar a situación de privilexio das grandes cidades do Estado, recalcou.
A pesar deste marco de financiamento local, Pontón valorizou a intelixencia dun concello como Pontevedra para facer unha gran xestión dos recursos públicos e con capacidade de xerar actividade e conseguir ingresos por outras vías
Os concellos nacionalistas, avanzou, teñen prevista unha ofensiva no seo da Fegamp. O BNG tamén buscará o consenso no Parlamento para mudar o modelo de financiamento local, aínda que para superar este marco discriminatorio non chega cun acordo na Cámara galega senón que se dea tamén a nivel estatal.
Estamos cansas de ver como se adoptan decisións na que os partidos de ámbito estatal teñen un posición en Galiza e xusto a contraria en Madrid. Se se asume unha posición política en defensa dos intereses da cidadanía deste país hai que mantela tamén no Estado, concluíu.
Excelente candidata
A portavoz nacional non se pronunciou a respecto da súa intención de postularse como candidata do BNG á Xunta, á espera de que se abra o proceso de elección desde a militancia. Si o fixo o alcalde pontevedrés que considera que Pontón sería unha excelente candidata, aínda que depende dela e do conxunto da organización porque o Bloque é unha forza democrática, salientou.