Pontón: “Jorquera é unha garantía para A Coruña e será un alcalde coas mans libres para defender os intereses da cidade”
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no acto de presentación de Francisco Jorquera como candidato á Alcaldía da Coruña que é unha gran noticia para a cidade, “porque A Coruña necesita un impulso e un rumbo certo e Paco Jorquera é unha persoa con determinación, con compromiso, con capacidade de traballo e solvencia, capaz de darlle a cidade o impulso que precisa”.
“É unha garantía para esta cidade, recalcou, capaz de xerar consensos e de sacar adiante os proxectos que A Coruña necesita”. A líder do BNG tamé puxo en valor o feito de que Jorquera será un alcalde “coas mans libres” para defender á cidade, porque só terá como referente os intereses da veciñanza e non será en María Pita nin delegado da Xunta, nin delegado do Goberno do Estado.
“A Coruña precisa un goberno municipal que teña unha soa dependencia: servir ós coruñeses e coruñesas, defender os seus intereses tanto ante o Goberno central como ante a Xunta. Paco Jorquera non será refén nin de Ferraz, nin de Génova, senón un alcalde coas máns libres a favor da veciñanza, para facer realidade as súas esperanzas e as súas expectativas de construír unha cidade mellor”, destacou a portavoz nacional.
Mans libres, enfatizou, para acabar coa discriminación e poñer por diante o interese dacidade. “A cidadanía pode ter a certeza de que o Paco Jorquera alcalde non permitiría a discriminación da débeda do porto, nin que o Estado pretenda traspasar ao concello o antigo cárcere sen garantir a rehabilitación dun edificio que é pura ruína; nin permitirá que o Goberno do PP volva apostar polo cemento na ampliación do CHUAC, mentres ignora o colapso nos centros de atención primaria, nin permitiría proxectos urbanísticos que agreden o litoral”, argumentou Pontón.
A líder do Bloque subliñou que Jorquera é alternativa para a inmensa maioría que soña outra Coruña.
“Sabemos que hai moitas persoas que soñan outra Coruña posible e queremos traballar man a man con todas elas, que queren que un urbanismo a favor das maiorías sociais, na que todos os veciños e as veciñas sexan iguais; unha Coruña que xestione con eficiencia os recursos públicos, conectada coa súa universidade para poñer en marcha todo o potencial no ámbito do coñecemeto e da innovación, capaz de colocar esta cidade na vangarda da ciencia e da investigación", destacou.
Con Paco Jorquera, A Coruña “ten unha alternativa, desde o diálogo e a humildade pero con toda a ambición de cidade”, concluíu Pontón, sinalando que o candidato da Coruña ten detrás toda a experiencia do modelo de xestión municipal do BGN, referente en Galiza.
Jorquera deixou claro que o seu obxectivo como candidato é liderar o próximo goberno municipal para darlle A Coruña o impulso que necesita. “A nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras doutro Executivo, senón ser a alternativa e liderar esta cidade”, declarou no acto de presentación da candidatura baixo o lema Impulsa A Coruña, que contou cunha nutrida representación do tecido social e veciñal da Coruña.
“Sabemos que é un reto ambicioso, mais a cidade necesita impulso e ambición”, remarcou Jorquera. De feito, explicou, afronta o reto das municipais de 2023 coa mesma ambición coa que o BNG aspira a liderar Galiza: “Ana Pontón asumiu o liderado do Bloque nun momento moi difícil e hoxe moi poucos dubidan que vaia ser a próxima presidenta da Xunta”, afirmou Jorquera para referendar que vai a por todas.
Considera “unha honra” ser candidato á Alcaldía despois de ter defendido os intereses de Galiza e da Coruña no Parlamento español e no galego. “Desde hai tres anos teño a oportunidade de traballar en primeira liña pola miña cidade, na que vivo desde os nove anos e onde naceron a miña muller e os meus fillos, e estes tres anos de traballo en María Pita serviron para estar mellor preparado para asumir o novo reto”, subliñou.
Forza emerxente
O BNG é “forza emerxente” na Coruña, onde existe a percepción de que falta impulso porque “non hai un proxecto claro que marque un horizonte cara ao que avanzar e cando nin se é capaz de resolver os problemas do día a día, sexa limpeza, vivenda, estado das rúas ou a mobilidade urbana”.
Por iso, como candidato á Alcaldía, Jorquera chama “a todas as coruñesas e coruñeses a impulsar A Coruña e a facelo con nós”, impulsar unha cidade á medida das persoas seguindo a experiencia de éxito doutros gobernos municipais do BNG que son referentes internacionais, impulsar outro modelo de mobilidade, impulsar o sector cultural, a preservación do medio ambiente apostando pola reciclaxe, impulsar o acceso á vivenda e impulsar un proxecto que aposte pola igualdade social.
Tras a presentación do cabeza de lista, seguirá a elaboración do resto da candidatura ás municipais de 2023, “que terá un marcado perfil social e aberto, unha candidatura que será espello do que é esta cidade e do que aspira a ser”, concluíu.