Pontón insiste na urxencia dun encontro con Rueda e Besteiro para fixar unha “fronte común de País” contra a estafa da AP-9
A portavoz nacional, Ana Pontón, considerou hoxe máis necesaria aínda a reunión que propuxo esta fin de semana entre os líderes das tres principais forzas con representación no Parlamento de Galiza para facer unha “fronte común de País” en defensa da transferencia da AP-9 e para reclamar ao Estado que os galegos e as galegas deixen de pagar unhas peaxes que, advertiu, son unha “estafa legalizada”.
“Temos moi claro que Galiza ten dereito a xestionar a súas infraestruturas”, destacou a líder do BNG, quen lembrou que autoestradas similares á AP-9 foron transferidas con anterioridade a Euskadi e a Cataluña, o que desmonta os argumentos utilizados polos titulares de Transportes do Goberno do Estado, antes co PP e agora co PSOE, en contra da reiterada petición do Bloque, do Parlamento e da maioría social.
Neste sentido, recalcou, a formación nacionalista va seguir reclamando a transferencia e poñer fin a unhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada, que se hoxe seguimos pagando é por responsabilidade do Partido Popular pois foi o Goberno de Aznar o que asinou a ampliación da concesión regalándose 25 anos máis a Audasa, unha prórroga que xa ten motivada a apertura dun expediente de infracción ao Estado español por parte da Unión Europea, explicou.
A líder do Bloque tachou de “bastante desafortunadas” as declaracións á Cadea Ser do ministro de Transportes, Óscar Puente, copiando o argumentario do PP para poñer trabas á transferencia quen, igual que no seu día o Goberno de Rajoy, alegaba a suposta conexión con Portugal como dificultade: “Que un ministro de transportes non saiba que a conexión con Portugal se fai pola A-55 é grave”, criticou Pontón, que lembrou ao PSOE que “hai un acordo de investidura asinado no que se compromete a facer a transferencia” da autopista.
A líder do Bloque destacou que o Parlamento galego aprobou até catro leis reclamando unha AP-9 galega e libre de peaxes, porque as tres anteriores non lograron concluír a súa tramitación no Congreso, ao tempo que reprocha ás forzas estatais o bloqueo na Cámara alta ás reclamacións que emanan do Parlamento do País. “Cambian os gobernos pero os ministros repiten exactamente o mesmo discurso”, denunciou.