Pontón a Feixóo: “Xa está instalado en Madrid e por respecto á cidadanía galega debe aclarar até cando vai manter un goberno interino e paralizado ”
A nacionalista reprochou a Feixóo que durante 13 anos se aplicara para rebaixar impostos aos que máis tiñan, triplicar a débeda pública e recortar a sanidade e os servizos públicos
Afirmou que o BNG é a alternativa porque “non ten que escoller” e sempre traballou, traballa e traballará para sacar adiante a Galiza
Na sesión de control ao presidente da Xunta, a portavoz nacional do BNG preguntou a Feixóo até cando vai manter “un goberno interino e paralizado na Xunta”, por respecto á cidadanía galega e ante unha situación económica crítica para miles de familias, empresas e sectores produtivos ante o impacto da suba dos prezos.
Cando os barcos estaban amarrados, o leite era tirado e o peixe podrecía, onde estaba vostede? Estaba de mitin en mitin do Partido popular e facendo o que mellor se lle dá, “botando balóns fóra” e “buscando culpables” pero incapaz de dar solucións. Por moita propaganda que faga vostede e o Partido popular, “a realidade é que non tomaron ningunha medida real para solucionar os problemas”.
Tras a intervención do Presidente da Xunta, Pontón criticou que continúe presumindo da baixada de impostos, unha rebaixa rebateu que só “beneficia aos que más teñen” que é o foi o único que fixo o Partido popular durante trece anos. Pero mentres beneficiaba aos que más teñen, “triplicaba a débeda pública”, recortaba en sanidade e servizos públicos, permitía que se fixera negocio co dereito a unha vellez digna, que dous centos mil mozos e mozas emigraran e que se perderan miles de empregos na industria e no agro. Vostede, dixo, sigue coa vella receita “fracasada da dereita”, baixar os impostos aos que máis teñen pero non quere ouvir falar de “subirllos ás eléctricas” que son os que “se forran nesta crise”.
Para a portavoz nacionalista, Feixóo “xa cumpriu a súa ambición persoal, xa está instalado en Madrid e para el Galiza non é máis que un slogan electoral caducado”. Por unha vez e por respecto a cidadanía galega debe aclarar até cando vai manter un goberno interino e paralizado na Xunta de Galiza, reiterou.
Pontón explicou que por primeira vez na nosa historia, os galegos e galegas terán un presidente non que elixiron, “terán un presidente nomeado a dedo” por Feixóo sempre que poida cadrar o sudoku interno coas baronías do Partido popular. Este é “o seu broche”, pechar trece anos no que deixa unha Galiza en peor situación da que vostede a atopou.
Tras a intervención de Feixóo, Pontón recalcou que nos últimos momentos como presidente da Xunta sigue facendo “oposición da oposición ao BNG” en vez de explicar que medidas puxo en marcha para axudar aos galegos e galegas máis alá “da propaganda”.
Pontón trasladou a Feixóo as propostas do BNG para o futuro sucesor ou sucesora na presidencia da Xunta co fin de comezar a traballar contra a crise económica. Entre as propostas salientou: a creación dunha tarifa eléctrica galega para “beneficiarnos da riqueza eléctrica que producimos en Galiza”, axudas urxentes para os sectores máis afectados, subir os impostos ás empresas eléctricas para rematar “cos beneficios caídos do ceo”, baixar as peaxes das autoestradas, subir as pensións máis baixas , sobre todo as non contributivas e incrementar as prestacións sociais como RISGA que sen dúbida poden aliviar, de maneira significativa a vulnerabilidade de miles de persoas.
A portavoz nacional do BNG volveu a insistir en que resulta unha falta de respecto que o presidente da Xunta non aclare até cando vai seguir mantendo un “goberno interino e paralizado”. A xuízo da nacionalista, esta dilación só responde a que Feixóo quere deixar “todo atado e ben atado” porque “as augas do Partido popular non teñen unha calma tan aparente como a que queren facer ver”.
Para Pontón, o Partido popular volve a poñer “ao PP por riba de Galiza” e tanto o vello como o novo partido de Feixóo mantén a mesma postura, “o PP por diante de Galiza” e fronte a isto, os galegos e galegas poden ter a tranquilidade de que existe unha “alternativa de futuro, o BNG dende o que seguiremos traballando para sacar este país adiante”. No BNG, “non temos que escoller”, porque “estivemos, estamos e estaremos sempre en Galiza”, concluíu.