Pontón exixe a Rueda que se deixe de anuncios trampa e retire o taxazo de Sogama para que os galegos e galegas non paguen máis polo lixo
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se deixe de “parches” e “anuncios tramposos” e dea marcha atrás respecto ao “taxazo” de Sogama, que fará que os galegos e as galegas teñan que pagar máis polo recibo do lixo.
“Rueda fixo un anuncio tramposo porque en realidade non vai retirar a suba do canon de Sogama. O que vai facer é que os concellos e a cidadanía, que xa está a sufrir o incremento no custo da vida, teñan que pagar máis”, denunciou durante unha visita á comarca de Valdeorras, que aproveitou para emprazar a Rueda a rectificar sobre o canon de Sogama e, ao mesmo tempo, poñer en marcha un novo modelo para o tratamento dos residuos que “supere e deixe atrás” o actual, “absolutamente fracasado”.
“O modelo de Sogama non serve, porque é un modelo antiecolóxico, que queima e, por riba, é moi caro”, precisou a portavoz nacional, advertindo ademais que co actual sistema “os únicos que están gañando son o Goberno da Xunta e as empresas amigas que neste momento xestionan Sogama”, mentres aos concellos e aos veciños e as veciñas se lles vai subir o recibo do lixo.
Fronte ao modelo de Sogama, defendeu un novo sistema de tratamento dos residuos “respetuoso co medio ambiente, que cumpra coa normativa e que aposte pola reciclaxe”.
O BNG xa anunciou a posta en marcha una intensa campaña contra o “taxazo” de Sogama con iniciativas no Parlamento e nos concellos para que tanto a Cámara galega como as corporacións municipais se posicionen en contra do novo “sablazo” do Goberno do PP, que propón para 2025 unha suba do 30% na factura da xestión de residuos que se suma ao 30% de incremento deste ano.
A suba do 60% no canon colocará en 108 euros o prezo a pagar por cada tonelada de residuos que os concellos entreguen a Sogama, unha suba unilateral, inxustificada e abusiva que supón, tal e como ten denunciado o Bloque, un negocio redondo para Gas Natural -que ten o 49% da compañía- e para as empresa amigas do PP, como o Grupo Valtalia-Copasa, que nos últimos anos ten recibido máis de 700 millóns de euros en sucesivos contratos con Sogama.