Pontón esixe que Rueda dea explicacións sobre un novo caso de chanchullos do PP que o salpica directamente
A portavoz nacional, Ana Pontón, apunta directamente ao presidente da Xunta tras o novo caso de “chanchullos do PP” polo que unha empresa vinculada á número dous de Rueda en Presidencia recibiu 272 contratos a dedo durante seis anos por valor de 783.000 euros.
“Ten que dar explicacións ante un caso gravísimo que o salpica directamente e onde estamos vendo como se utilizan recursos públicos dunha forma absolutamente espuria para beneficiar a empresas vinculadas a altos cargos do Partido Popular, aclarar se vai cesar a súa secretaria xeral despois deste caso ou vai a intentar tapalo e mirar para outro lado”, interpelou Pontón en relación a información que desvela o xornal elDiario.
Para a líder do BNG estamos ante un caso máis de “nepotismo e de corrupción” no que desde o Goberno de Rueda se utiliza o mesmo procedemento da contratación masiva a dedo para favorecer a empresas de familiares do PP, neste caso, unha empresa do irmá da secretaria xeral de Presidencia, man dereita do xefe do Executivo galego desde hai anos, que se traduce en centos de contratos desde a opacidade absoluta e con total ignorancia do principio de libre concorrencia.
“Estamos vendo exactamente o mesmo modus operandi: contratos a dedo a empresas vinculadas a cargos do PP que non teñen reparo en meter a man na carteira dos galegos e das galegas para que os seus familiares se lucren”, denunciou en relación a este novo caso, similar aos que o BNG leva á comisión de investigación como os centos de contratos a dedo por valor de 4,8 M€ a EULEN, a empresa que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo.
Este saqueo continuado das arcas públicas dáse nun goberno “que regatean cada euro en moitas actuacións que son necesarias para mellorar a vida da cidadanía, mentres regan con cartos públicos a empresas vinculadas a familiares de altos cargos do Partido Popular, nesta ocasión nada menos que a man dereita do presidente da Xunta”, indicou.
O BNG considera que este caso é un motivo máis para que Rueda compareza na comisión de investigación creada a instancias do BNG, que mañá bota a andar no Parlamento co obxectivo de destapar todo o que o PP quere agochar, para sacar a luz 15 anos de chanchullos do goberno do Partido Popular, comisión que tamén abordará o sobrecusto de 470 M€ pola construción privatizada do Hospital de Vigo durante o goberno de Feijóo.