Pontón: “A escolla é entre un Rueda que deixa unha Galiza máis pequena ou unha presidenta capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”
Denuncia que a catástrofe dos pellets de plástico é unha nova “marea da mentira e da incompetencia do PP que hai que derrotar nas urnas”
O BNG arranca a campaña electoral cara o 18 de febreiro en Rianxo nun gran acto de homenaxe a Castelao
A homenaxe a Castelao no aniversario do seu pasamento co que tradicionalmente o BNG abre o curso político, converteuse nesta ocasión nun gran acto de arranque de campaña cara a cita electoral do 18F, porque “nin estamos ante un inicio de curso máis, nin estas son unhas eleccións máis”, salientou na súa intervención a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón.
Ao contrario, subliñou, estas son as primeiras eleccións en catorce anos “cuxo final non está escrito de antemán”, senón que a escolla é entre dúas alternativas: “Un goberno do PP co candidato Rueda como presidente, que nos deixa unha Galiza máis pequena; ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande”.
Pontón pediu á militancia “ser unha soa voz coa que chegar a cada recuncho do País” para explicar que é posible superar un goberno “incompetente” que deixa un País peor do que encontrou.
A xestión da catástrofe dos pellets de plástico e unha mostra desa incompetencia do PP, “que tanto nos recorda ao xa pasamos con outras mareas negras neste País, un Goberno galego e un Goberno central deixando soa á xente do mar que está indo ás praias a limpar, hoxe mesmo, e deixando só aos concellos que non teñen medios nin recursos e por riba manipulando á opinión pública”, denunciou Pontón.
Neste sentido, a líder do Bloque destacou que non estamos só ante unha marea de plástico, senón ante “unha nova marea da mentira e da ocultación do PP que temos que derrotar nas urnas, derrotar nas urnas a mentira e a incompetencia”, subliñou desde Rianxo.
Pontón apelou a poñer en marcha un cambio liderado polo Bloque para converter as ideas en feitos. “Fronte a un PP esgotado e sen ideas, falamos dun país produtivo que cun goberno do BNG rexenerará as rías; falamos de máis calidade de vida, e para iso poremos en marcha nos cen primeiros días do meu goberno un plan de choque en atención primaria ou falamos de poñer a enerxía ao servizo do País”, salientou.
Fronte a un Rueda “submiso” a Madrid, que convoca as eleccións cando lle manda Feijóo, contrapuxo unha presidenta do BNG que só vai defender os intereses dos galegos e das galegas, herdeiro dun Castelao que hoxe estaría nas rúas en defensa da sanidade pública; escandalizado vendo como se autorizan vertidos contaminantes nas rías e que nas súas estampas denunciarían o abandono do rural, a emigración da xente moza, ou o espolio eólico.
Un Castelao que tamén tivo que loitar contra os predicadores do non, “voces interesadas en dicir que o cambio non é posible, que non toca, pero imos demostrarlles que se equivocan, que pasou o tempo do inmobilismo, da resignación e do pesimismo porque o cambio galego está aquí e é agora”, proclamou Pontón.
En todo caso, a candidata nacionalista, lonxe de dar nada por feito, pediu mobilizarse e instou á militancia a falar “coa man tendida” a esa maioría social que quere cambio e que ve no BNG “a súa alternativa, o seu referente para gañar un País mellor”, pasando a páxina dun PP que nos deixa unha Galiza que perde, tamén en autogoberno tras o récord histórico de cero novas competencias en catorce anos.
“Estamos ante o PP do non ao autogoberno, que vota en contra até de que se cumpra o actual Estatuto, e aínda teñen a cara dura de botarlle a culpa ao BNG de non ter máis transferencias, como fan coa AP-9”, denunciou, transferencia que sigue no caixón polo boicot do PP coa “inestimable” axuda do PSOE pese á petición unánime do Parlamento, alegou. “Parafraseando a Castelao, aí temos aos dous de sempre, facendo o de sempre: votar unha cousa aquí e facer a contraria en Madrid”, ironizou.
A mesma altura que Euskadi e Catalunya
O goberno que aspira a liderar, explicou, reclamará todas as competencias pendentes e traballará nun gran acordo de país por un novo status político de nación, que significará máis ferramentas para mellorar a vida da xente. “Se son Presidenta, Galiza estará a mesma altura que Cataluña e Euskadi, ni un milímetro por detrás, porque non somos máis pero tampouco menos que ninguén”, indicou.
Para conseguir o cambio galego, a clave está na mobilización recalcou, e avanzou unha campaña en positivo, de ideas, de propostas, poñendo no centro os temas que realmente preocupan ás persoas, “porque o 18 de febreiro non vai de Feijóo, nin de Sánchez, por moito que se crean o centro do mundo, vai de Galiza”.
Pasado e retroceso Vs. futuro e ilusión
“O 18F decidimos si queremos ser o país dos 18 anos dunha TVG manipulada e secuestrada polo tándem Feijoo/Rueda; dos 18 anos de crise demográfica e emigración da xente nova; decidimos si queremos ser o país dos 18 anos dunha sanidade pública en retroceso, dos 18 anos do espolio da nosa enerxía e das portas xiratorias; dos 18 anos de maltrato á nosa lingua. En definitiva, o 18F decidimos si queremos o pasado e o retroceso que representa o PP, ou si queremos un futuro con ilusión e esperanza da man do BNG”, destacou.
Gobernemos nós a nosa terra
Pontón presentase como a candidata de todas as persoas que queren unha Galiza mellor, votaran o que votasen noutras eleccións, porque hai moitas maneiras de sentirse galego e galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo.
“Teño a certeza de que temos ao alcance da nosa man facer historia, de que imos liderar o goberno do cambio porque somos unha forza humilde pero digna, porque somos unha forza de fiar, que non lle vai fallar nin a Galiza nin a súa xente”, recalcou, ao tempo que pedía á militancia renovar esforzos para facer realidade o soño que proclamaba Castelao, o de “gobernemos nós a nosa terra” a partir do 18F facendo historia cunha presidenta do BNG.