Pontón: “É un escándalo darlle dous millóns de euros públicos á Fundación C.J Cela"

A deputada lembrou que unha sentenza xudicial outorga a herdanza ao fillo de Cela cuxos pagos deberán facerse á costa da Fundación por valor de 1,1 millóns de euros

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe na Comisión de Cultura, cal vai ser a cantidade que aboará a Fundación Camilo José Cela tras o litixio pola herdanza reclamada polo fillo do escritor e porque esa cantidade non aparece no proxecto de orzamentos remitidos á Cámara galega.

A nacionalista reprobou o “trato de favor” da Xunta de Galiza á Fundación C.J Cela á que destinou fondos públicos para cubrir “débedas e unha neglixente xestión” que a conduciu a unha situación crítica. A Xunta , afirmou Pontón, converteu a entidade privada en pública para salvala da quebra derivada de pagos do chofer e secretaria persoal de Mariña Castaña, persoal doméstico na casa dos Cela e do soldo exorbitado do anterior xerente así como do aluguer do piso que habitaba na cidade de Santiago de Compostela.

Recortes para a Lingua e Cultura e 2 millóns de euros de fondos para a Fundación C.J. Cela

 A deputada criticou o trato de favor da Fundación Camilo José Cela, que recibiu “dous millóns de euros de fondos públicos” dende que goberna Núñez Feijóo mentres continúan os recortes en materia lingüística e cultural.

A parlamentaria denunciou a “desigualdade de trato” coa Fundación Rosalía de Castro que recibiu “dez veces menos” de fondos públicos, a pesar de promover e difundir a obra da escritora fundacional da literatura galega contemporánea.

Pontón tamén dixo, que o gasto corrente da Fundación Cela, “ten o mesmo financiamento, por parte da Xunta de Galiza, que o Museo do Pobo galego”.

A Xunta pagará 1,1 millóns de euros ao fillo de Camilo José Cela

Pola súa parte, o secretario Xeral de Cultura afirmou que debe ser integrado ao herdeiro de Camilo José Cela 1.100.000 euros previa peritación. A consellería, afirmou, vai a acatar a sentencia e o pago da débeda con recursos da Fundación.

A deputada, tras discutir co responsable de cultura que a obra de Cela forma parte do sistema literario español e “non da literatura galega” reiterou que a Fundación Camilo José Cela recibiu unha grande cantidade de fondos públicos a pesar de non ter unha grande relevancia para o sistema cultural galego, e non é de recibo que dende que goberna o Partido popular e decidiu facer pública a Fundación, “esta leva recibido máis de dous millóns de euros de fondos públicos”.

Finalmente, Pontón explicou que se a Fundación é pública e se vai producir unha perda de patrimonio valorado en 1,1 millón de euros para pagar os litixios das herdanzas, “alguén terá que explicar se hai ou non hai algún tipo de perda para o erario público”.