Pontón enxalza o goberno de Leticia Santos como exemplo do bo facer do BNG nos concellos mellorando a vida das persoas
“Ten valentía, compromiso e capacidade para seguir facendo de Moaña un concello que avanza man a man coa veciñanza”, declarou da alcaldesa
Moaña é máis social, sostible e eficaz na xestión grazas ao goberno que lidera Santos, exemplo da capacidade de transformar en positivo do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no xantar popular que congregou en Moaña a centos de veciños e veciñas, militantes e simpatizantes do BNG para trasladar o apoio a Leticia Santos e a súa candidatura á reeleción como alcaldesa, para seguir construíndo un concello en positivo e con futuro.
“Para o BNG é un orgullo ter unha alcaldesa como Leticia e presumir da xestión do goberno municipal en Moaña nestes últimos sete anos”, destacou Pontón facendo fincapé na capacidade demostrada polo Bloque para mellorar a vida das persoas nos concellos que lidera, cunha actuación de goberno que transforma en positivo, que coloca ás persoas no centro, que aposta por dinamizar a economía local, pola sustentabilidade e por concellos máis democráticos desde a participación cidadán con políticas de benestar social.
Seguindo o legado de Xabier Abalo e de Xosé Manuel Millán, indicou, con Leticia Santos o BNG volveu ser a primeira forza en Moaña, confianza que Pontón está segura revalidará incrementada nas próximas eleccións, “porque esta alcaldesa non só xestiona con cabeza e corazón senón que defende Moaña onde é preciso, nas rúas e nos despachos, con forza, con valentía, con entusiasmo, non a para ninguén e ten visión de futuro para seguir avanzando, un exemplo da política municipal que queremos e defendemos, transformadora, para mellorar a vida das persoas e man a man coa veciñanza”, destacou Pontón.
A líder nacionalista subliñou algúns dos logros do goberno municipal liderado por Santos empezando pola transformación en termos de sustentabilidade ambiental nun momento de urxencia climática, e hoxe Moaña é exemplo de reciclaxe cun plan que chega a case mil fogares e un exemplo no uso racional da auga. Igualmente, destaca na súa política de recuperación e preservación do patrimonio e nun urbanismo humanizado que se ve na mellora da accesibilidade e nos equipamentos públicos.
Destacou tamén a política social desenvolvida pola equipa de Santos, “44 domingos cos veciños e veciñas de Moaña defendendo a sanidade pública de Moaña”, citou como exemplo da preocupación do goberno do BNG por servizos públicos de calidade, “se o PP está xogando coa saúde das persoas, será o Bloque canto teña a responsabilidade de goberno quen recupere a sanidade pública”.
Destacou tamén a política participativa “creando novas formas de goberno colectivo” ao que se suma unha xestión eficaz e eficiente que foi capaz de coller un concello que estaba arruínado e sanealo. “Moaña está a ser tamén un referente na maneira de xestionar os orzamentos, na acción dos consellos veciñas que deciden os investimentos nas parroquias, segundo as súas necesidades, segundo os seus obxectivos. O presente e o futuro de Moaña é o froito dun traballo social, colectivo, contando coas entidades e coa veciñanza e cun equipo sólido e unido baixo o liderado de Leticia.
Pontón puxo en valor outro dos sinais de identidade dos gobernos municipais do Bloque que se pode ver en Moaña: “colocar ás persoas no centro da acción política”, e por iso, o BNG “está coa maioría social nesta crise de prezos, coas traballadoras e traballadores, coas persoas pensionistas, coas mariscadoras e coas mulleres que seguen saíndo ao mar, coas persoas autónomas coa xente deste País que ten dereito a pescar”, recalcou, fronte un PP que goberna para unha minoría “por iso presenta uns orzamentos cun pelotazo fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios, en plena crise de prezos un agasallo aos máis ricos que debía empregarse en educación ou en sanidade, unha vergoña para a maioría que o está pasado mal nesta crise”.
En Moaña duplicouse o investimento en benestar social que pasou de 1,1 millóns a 2,2 millón, “un goberno que mira polas persoas, que as acompaña, con maior intensidade cando máis o necesitan”. “Esa é a alcaldesa que queren as veciñas e os veciños, a que xestiona pero tamén se pon á fronte para esixir doutras institucións o que Moaña necesita e o que lle corresponde, por iso eu, como a maioría de veciños e veciñas Estou con Leti!”, concluíu.