Pontón destaca a transformación de Pontevedra con Lores e cun proxecto ilusionante que cada vez suma máis cidadanía
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na cea multitudinaria aberta á veciñanza celebrada en Pontevedra acompañando ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a todo o equipo de goberno. Un acto que a líder do BNG aproveitou para destacar a gran transformación experimentada por unha cidade, convertida en referente dentro e fora de Galiza.
“Pontevedra é un exemplo de como se pode transformar desde un concello, superar barreiras e conseguir metas case impensábeis; un exemplo de como un amplo grupo de persoas honradas, humildes, traballadoras, e capaces traballan cada día, dando o mellor para impulsar un ilusionante proxecto común que suma a cada vez máis amplas capas da sociedade”, destacou na súa intervención.
“Un proxecto común capaz de transformar. Aquela vella Pontevedra clasista é hoxe unha cidade con grande cohesión social, un concello radicalmente democrático que trata ás persoas por igual, aquela Pontevedra pesimista e denegrida é alegre, vitalista e optimista; a Pontevedra que miraba con envexa ás demais urbes e quería copialas é hoxe unha cidade con proxecto e modelo propio envexado en medio mundo”, recalcou.
Pontón destacou a vitalidade do proxecto do BNG que lidera o actual alcalde. “Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca, cheos de ideas, iniciativas e actuacións de futuro. Case nunca me falan do feito, do conseguido, senón do que estar por vir, do futuro, do que se debería facer”, indicou. Lores e o seu equipo “pensaron e pensan Pontevedra en grande, soñaron con levalo á práctica e xunto coa sociedade de Pontevedra foron quen de estalo facendo realidade”,
“Todas as persoas que lle queredes a Pontevedra podedes e debedes estar orgullosas do voso concello, eu estou moi orgullosa de Pontevedra e teño a esperanza e o convencemento de que, máis cedo que tarde, tamén en Galiza deixaremos atrás o derrotismo e a falta de confianza no País e todas as persoas que levamos a Galiza no corazón estaremos orgullosas do gran País que somos”, concluíu.
Na súa intervención, Lores confesouse completamente “namorado” da cidade, “das miñas xentes, da sociedade pontevedresa”, declarando que está “no mellor momento” da súa vida política e persoal, “con máis ilusión e proxectos de futuro que nunca. Sinto verdadeira Paixón por Pontevedra”, recalcou.
“As persoas e as sociedades melloramos cando nos marcamos retos, desde este amor que teño por Pontevedra, propóñovos tanto a vós coma a toda sociedade pontevedresa un reto, un grande reto: avanzar, avanzar, avanzar”, proclamou.
“Avanzar crendo nas posibilidades da cidade, aplicando solucións á medida de Pontevedra, avanzar con rumbo certo e, sobre todo, avanzar sobre o amor, a ilusión e o orgullo que compartimos sectores moi amplos da sociedade pontevedresa”, indicou.
“Quero dirixirme a todas as persoas que lle queren a Pontevedra, a todas as persoas que poñen Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas, para dicirlles que con entusiasmo por Pontevedra, con paixón por Pontevedra, poden ter confianza de que superaremos todos os retos que nos marcamos”.
Pelexar para ganar o partido
De cara á cita electoral, Lores indicou que o BNG vai dar o mellor para ter uns bos resultados o 28 de maio, “pero ollo, o partido hai que xogalo e o resultado non está asegurado. Isto non está feito nin moito menos. Crer que vai ser fácil sería un erro do que nos teríamos que arrepentir, haberá que traballalo moito”, instou.
O alcalde pechou a súa intervención agradecendo “de todo corazón” a asistencia de todas as persoas que asistiron a cea, “grazas polo esforzo para estar aquí e estou convencido de que faredes o esforzo de convencer e mobilizar a todas persoas da vosa contorna para que apoien o BNG, o único proxecto que garante que Pontevedra avanza”, concluíu.