Pontón destaca que o veto do PP á comparecencia de Feijóo é unha confesión de culpabilidade e do seu medo á investigación
“O mesmo Feijóo que en Madrid pide transparencia e comparecencias, négase a declarar no Parlamento do País que presidiu durante 13 anos”
Impiden a comparecencia do expresidente da Xunta, da súa irmá Micaela Núñez, do seu cuñado Ignacio Cárdenas e da parella de Isabel Díaz Ayuso
“Nin con todo o autoritarismo, todos os vetos e toda a manipulación, van impedir que haxa luz sobre os seus 15 anos de chanchullos”, advirte
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que “o veto do Partido Popular” á comparecencia de Núñez Feijóo representa toda “unha declaración de culpabilidade” porque “se non tivesen nada que ocultar, serían os primeiros en pedir absoluta transparencia”, na vez de “intentar boicotea o traballo da comisión de investigación” sobre as irregularidades na contratación pública do Goberno do PP.
Pontón denunciou como o mesmo Feijóo “que pide transparencia e comparecencias en Madrid”, se nega a acudir ao Parlamento que representa os galegos e as galegas, como máximo responsable da Xunta durante 13 anos, a explicar “por que se adxudicaron 1.311 contratos a dedo por valor de cinco millóns de euros” á empresa que dirixe a súa irmá en Galiza.
A líder nacionalista fixo estas declaracións no debate no que denunciou o veto do PP ao plan de traballo presentado polo BNG impedindo as comparecencias de Feijóo, a da súa irmá Micaela Núñez, a do seu cuñado Ignacio Cárdenas -directivo dunha das empresas máis beneficiadas nos contratos de urxencia da pandemia- e a de Alberto González Amador, a parella sentimental de Ayuso, que obtivo “un pelotazo” de dous millóns de euros por intermediar na compra de material sanitario por importe de 42 millóns para a Xunta.
“O Partido Popular vai traer ao presidente de Cataluña a comparecer, pero non ao expresidente de Galiza. Son un chiste señores do PP e son unha falta de respecto aos galegos e ás galegas”, afirmou para criticar a imposición dos vetos e a “trágala á oposición”, nunha “deriva antidemocrática e autoritaria” na que confunde ter maioría absoluta con absolutismo.
Neste sentido, recriminou aos populares a imposición do seu plan de traballo, demostrando que teñen auténtico pavor a que o Parlamento galego investigue 15 anos de chanchullos do PP. “Se non teñen nada que ocultar, por que están tan nerviosos con esta comisión de investigación? Por que están intentado boicoteala? Por que queren atar e decidir vostedes, única e exclusivamente, quen pode e quen non pode vir?”, interpelou.
Neste sentido, o BNG considera absolutamente antidemocrático que o PP impida as comparecencias solicitadas pola forza política que impulsou a comisión de investigación. “É inaudito que se queira vetar nesta comisión á persoa coa máxima responsabilidade en todos estes asuntos, que é o anterior presidente da Xunta, o señor Núñez Feijóo”, exemplificou a portavoz nacional.
Máis tendo en conta que non só debería explicar en sede parlamentaria os contratos a dedo dos que se beneficiaron persoas vinculadas coa súa familia, senón tamén para dar conta de “por que adxudicou un hospital en Vigo -o Álvaro Cunqueiro- que costou aos galegos e ás galegas 470 millóns de euros máis do que custaría se se fixera pola vía pública” e, por riba, por un hospital máis pequeno e con menos camas do previsto.
En todo caso, Pontón advertiu que, ao igual que o PP non conseguiu votar a creación da comisión, impulsada grazas á forza dos 25 deputados e deputadas do Bloque, tampouco vai conseguir “tapar estes quince anos de chanchullos”, porque o BNG “vai facer todo o que sexa necesario” para sacalos á luz. “Xa lles digo que, nin con todo o autoritarismo, nin con todos os vetos, nin con toda a manipulación, van impedir que haxa luz onde vostedes queren poñer escuridade”, concluíu.