Pontón, sobre os descontos na AP-9: “Os únicos descolocados son Rueda e o PP que ven como o BNG logra o que eles non”
A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou positivamente o anuncio realizado polo Goberno central para aplicar os novos descontos nas peaxes da AP9 acadadas polo BNG no acordo de investidura e afirmou que “os únicos descolocados son o presidente da Xunta e o Partido Popular” que ven como o BNG consegue o que eles non.
A preguntas dos medios tras unha reunión coa directiva do Colexio de Xornalistas, Pontón referiuse deste xeito ao anuncio realizado onte polo ministro de Transportes, quen avanzou que as novas bonificacións da autoestrada logradas pola formación nacionalista serán tramitadas pola vía de urxencia.
“Os únicos que están descolocados son o presidente da Xunta e o Partido Popular, que realmente queren que Galiza non avance, que quede atrás, e que sistematicamente están negando a importancia que ten a presenza do BNG no Congreso”, afirmou Pontón, para recalcar a continuación que o Bloque “consegue máis para Galiza que o señor Rueda, que até este momento non conseguiu absolutamente nada”.
A líder nacionalista considerou unha “boa noticia” tanto para as persoas que circulan pola AP9 como para o propio BNG como forza política xa que cre fundamental o cumprimento dun acordo que permitirá aos galegos e ás galegas beneficiarse de descontos de até un 75%.
Propaganda do PP en materia de vivenda
Tamén a preguntas das xornalistas, Pontón criticou os anuncios realizados en materia de vivenda por Alfonso Rueda e acusou ao Goberno do PP de “prometer facer agora en cinco minutos o que non fixo en 15 anos” con “medidas cosméticas” que non van solucionar o fondo do problema, o alto prezo da vivenda.
Logo de recalcar que o PP “dinamitou durante 15 anos a política pública de vivenda”, a portavoz nacional animou ao titular da Xunta a deixarse de anuncios e poñerse realmente a traballar para frear os prezos desbocados que teñen neste momento os alugueres.
Neste sentido, emprazouno a explicar por que se nega a declarar as zonas tensionadas que lle están reclamando os concellos, medida que si permitiría controlar os prezos do aluguer. “Xa sabemos que non o vai facer porque desde Génova non lle deixan”, afirmou, en alusión ao manifesto asinado polo PP no que se dicía que “non ían declarar zonas tensionadas porque llelo manda o Partido Popular desde Madrid”, advertiu.
Pontón considerou unha “tremenda irresponsabilidade” esta negativa que o PP debe explicar á cidadanía dado que o problema do prezo da vivenda non se vai solucionar con “cheques”, senón cunha Xunta que exerza as súas competencias con medidas como precisamente a declaración de zonas tensionadas.
Mais tamén desenvolvendo unha política que realmente incida sobre o fondo do problema, afondou, como apostando por mobilizar vivenda baleira para destinala a aluguer, tal e como propón o BNG, ou incrementar a construción de vivenda pública destinada tamén ao réxime de alugueiro “para que as rendas máis baixas ou a mocidade teña acceso a esa vivenda”, concluíu.