Pontón denuncia que Rueda actúa como peón da estratexia partidista de Génova e iso é letal para os intereses de Galiza

Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “decepcionante” o papel de Rueda na conferencia de presidentes onde xogou un papel de peón da estratexia de Génova imposta polo seu xefe de filas en detrimento de Galiza.

“Foi defender a estratexia partidista do PP de Madrid en lugar de defender os intereses dos galegos e das galegas e iso é letal para Galiza”, denunciou a líder do BNG, quen pediu explicacións ao presidente da Xunta ante a súa negativa a reclamar unha quita da débeda que permitiría aforrar miles de millóns de euros.

“O primeiro que nos parece que ten que explicar é por que rexeita unha redución da débeda pública, -que o Partido Popular triplicou-, tal e como negocio o Bloque no acordo de investidura e como acaba de volver ofrecer o goberno do Estado, pese a que esa quita permitiría aforrar miles de millóns de euros que se poderían destinar a financiar a sanidade pública, a dependencia, a educación ou a ciencia no noso País”.

Esta é unha das cuestións claves que o xefe do Executivo debe aclarar:  “Vai seguir boicoteando a quita ou vai asumir unha medida beneficiosa para Galiza simplemente porque a negociou o BNG?”, interpelou. O segundo tema que Pontón considera relevante é o financiamento, “no que Rueda nos está deixando quedar atrás”, denunciou, indicando que Euskadi xa ten a xestión dos seus recursos, Catalunya vai tela moi pronto e Galiza sería a única nación histórica que non teña a chave dos seus cartos”.

Ter a xestión do 100% dos ingresos, establecer as prioridades de investimento e unha política fiscal acorde as necesidades do País é fundamental para o futuro de Galiza, “porque nos permitiría ter máis recursos e un mellor financiamento”, explicou, pero a realidade é que o entreguismo de Rueda á estratexia do PP madrileño fai que Galiza perda. “Estamos ante o presidente máis desleal da historia, que antepón os intereses do partido aos intereses dos galegos e das galega e iso é imperdoable”, sentenciou.