Pontón demanda á AGADIC un modelo semellante o catalán para o audiovisual
A deputada criticou a política continuista de recortes nun sector estratéxico para a creación en Galiza e demandou iniciar un dialogo entre AGADIC e os axentes culturais
A deputada do BNG, Ana Pontón criticou hoxe, a comparecencia, a petición propia, do director da Axencia Galega das Industrias culturais,(AGADIC) Jacobo Sutil para informar das iniciativas en materia de audiovisual porque, ao seu xuízo, resultan de todo inútil se non muda a política de recortes no sector audiovisual.
A nacionalista principiou a súa intervención lendo un artigo de Luís Seoane de 1962 para un programa radiofónico en Bos Aires no que afirmaba que: Existe a arte dun pobo non só porque hai quen a fan senon porque dan mostras da súa existencia quen a estiman demandando a súa adquisición e impulsando o seu desenvolvemento, coleccionistas, afeccionados e en xeral, organismos oficiais e privados. O desenrolo da arte nun país é unha gran empresa na cal o artista e artesán ocupan un posto relevante máis non o único.
Tras esta lectura, a parlamentaria recomendou a titular de AGADIC ler todos os días as palabras de Seoane porque se existe este organismo e o posto que detenta, explicou, é porque existe a cultura galega e a lingua galega e isto debe orientar as políticas da Xunta para as industrias culturais e audiovisual.
Ademais, Pontón afirmou que están sufrindo o maltrato da Xunta cunha política que situou entre desleixo, incapacidade, incompetencia e desprezo polo propio.
O BNG recomenda a Sutil mirar para o modelo catalán
Ante a previsión do goberno catalán de establecer un canon áss empresas de telecomunicación co fin de recadar fondos para o cinema, a deputada demandou que imiten o que se está a facer en Cataluña e fagan unha aposta real polo talento e a creatividade.
A Xunta introduce cambios nas axudas deixando no limbo a novos directores
A deputada tamén acusou á Xunta de carecer de política cultural. Despois de media hora de comparecencia,dixo, non existe ningunha liña nobidosa nin proxecto pero si un grande descoñecemento do director de AGADIC da realidade administrativa. Non pode vostede vir aquí e dicirnos que é a primeira vez que hai axudas os festivais porque é falso, durante o goberno bipartito xa existían.
Pontón negou que a crise económica xustifique a política de recortes do PP cando hai cartos para algunhas cousas e non para outras, e nesta liña, comparou a partida dedicada ás industriais audiovisuais, igual a empregada na exposición No camiño/ On the Road en Santiago de Compostela.
A parlamentaria pediu democratizar o acceso ás axudas e apostar pola creación e o talento así como rectificar os cambios introducidos por AGADIC publicando as axudas no mes de agosto para que curtas e guións as deban xustificar nun mes ou porqué se establecen limitacións para o seu acceso a novos creadores e creadoras e a produción de documentais.
A deputada rematou a súa intervención aludindo a dez propostas e reiterou a petición da memoria e actividades solicitada en varias ocasións polo grupo parlamentario do BNG e negada sistematicamente por AGADIC, a pesar de ser unha das obriga recollidas na lei de creación deste organismo.