Pontón defende un aumento dos recursos para igualdade fronte aos recortes do PP que supoñen un retroceso para as mulleres
Critica que a Xunta reduza nos orzamentos 2023 as partidas para políticas de igualdade nun 1,5% en relación a este ano e nun 63% en relación a 2009
Avanza a aposta do BNG no ámbito municipal pola inclusión da perspectiva feminista no urbanismo e as cláusulas de igualdade na contratación pública
A portavoz nacional, Ana Pontón, aposta por un incremento dos recursos públicos para igualdade fronte á involución e retroceso que representa o PP neste ámbito de actuación, tal e como evidencian os orzamentos da Xunta para 2023, nos que, segundo advertiu, dos máis de 12.000 millóns de euros, as políticas de igualdade só contan con 11,3 millóns, o que representa un 1,5% menos que en 2022 e un 63% en relación a 2009.
“É desolador ver, como no medio desta crise de prezos que sabemos afecta máis ás mulleres, temos un Goberno do PP que o que fai é reducir o investimento en igualdade”, afirmou na xornada Fortalecer os concellos con políticas feministas desenvolvida polo BNG en Moaña e na que cualificou de “vergoña” o feito de que o Executivo galego “non só non escoite o malestar das mulleres, senón que, por riba, presente uns orzamentos no que o peso das políticas de igualdade vai cara atrás”. “É todo un retrato de cara onde queren camiñar”, incidiu.
Fronte “aos retrocesos que representa o PP”, a líder nacionalista reafirmou o compromiso do BNG “coas mulleres e coa igualdade en todos os ámbitos, tamén no local”, onde segundo asegurou, o Bloque vai seguir sendo referente das políticas feministas. “Referente porque queremos máis mulleres nas candidaturas e referentes porque queremos utilizar o poder que nos dea a cidadanía para mellorar a vida das mulleres e do conxunto da cidadanía”, afondou.
Neste sentido, avanzou que o BNG impulsará de cara ás próximas eleccións municipais unha maior participación das mulleres, tanto nunhas candidaturas que serán paritarias como á hora de encabezalas, e adiantou algúns dos compromisos nos que está a traballar a formación nacionalista no ámbito local.
Así, e ademais de destinar máis recursos ás políticas de igualdade, incorporando tamén a perspectiva de xénero aos orzamentos “para garantir que os recursos públicos cheguen en igualdade a homes e mulleres”, avogou por introducir a perspectiva feminista no urbanismo co obxectivo de “recuperar o espazo público” para as persoas, un reto que, segundo lembrou, “dende o BNG estamos impulsando, transformando vilas e cidades, facéndoas inclusivas, e construíndo un espazo público democrático que nos inclúa a todas e todos”.
De igual xeito, e na liña de utilizar os recursos públicos para xerar igualdade, defendeu a aposta polas cláusulas de igualdade na contratación para, na habitual interacción entre Administración e tecido empresarial, “primar ás empresas que apostan pola igualdade e non ás que perpetúan as desigualdades”. “Son compromisos nos que imos traballar e afondar porque dende o BNG temos claro que o feminismo é a esperanza do futuro, que o futuro vaise escribir coas mulleres e que imos ser garante para unha Galiza de mulleres libres e iguais”, concluíu.