Pontón critica a incapacidade de Rueda para defender Galiza e pídelle que non boicotee o acordo do BNG

Ana Pontón
Ana Pontón

“Galiza deféndese sen ataduras centralistas coa política útil do BNG que logra acordos que melloran a vida dos galegos e das galegas”, destaca

Pide a mobilización da militancia para afrontar o reto de liderar o goberno do cambio que aspira a presidir para construír unha Galiza en grande

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa intervención na xornada de formación organizada polo BNG para contrapoñer a incapacidade política de Rueda para defender Galiza ante o Estado, coa capacidade do Bloque para lograr un acordo que vai mellorar a vida dos galegos e das galegas.

“Demostramos cal é a nosa maneira de facer política: a que logra mellorar a vida das persoas”, destacou Pontón, tras indicar que o acordo supón pagar menos en peaxes, mellorar o transporte por tren, avanzar en igualdade con xulgados contra a violencia de xénero ou subir as pensións. Ademais de garantir un trato igualitario porque ante un recorte da débeda en calquera comunidade autónoma, Galiza será compensada nas mesmas condicións.

“Esta é a política útil do BNG, que contrasta co goberno do Partido Popular”, alegou, subliñando que o desde a oposición o Bloque “está facendo o traballo do señor Rueda que, unha vez máis, demostra que non é capaz de defender os intereses de Galiza ante o Estado”. “O que vimos onte foi como paralizaba o funcionamento da Xunta para facer partidismo cutre, para repetir o argumentario que lle mandan desde Madrid e así non se defende Galiza. Galiza deféndese sen ataduras centralistas, coa política útil do BNG, con acordos que melloran a vida das persoas”, declarou.

Xornada de formación
Xornada de formación

Por iso, destacou Pontón, “a estas alturas o único que lle pido ao señor Rueda é que senón é capaz de defender os intereses de Galiza polo menos que non poña paus nas rodas, que non boicotee un acordo do BNG que mellora a vida da xente deste País”, indicou, poñendo o acento na importancia de ter unha forza política “que ten como único obxectivo dar a cara polos  galegos e as galegas, sempre e en todo lugar, aquí e ante o Estado”.

Ante a militancia, a portavoz nacional puxo o foco no gran reto das eleccións galegas, “o desafío máis relevante das últimas décadas”, recalcou, “e temos que ir a por todas para presidir o goberno do cambio e poñer en marcha unha nova Galiza”. De cara a ese reto pediu a “implicación, a mobilización e o traballo de todas as persoas que formades o BNG, porque sodes a mellor militancia do mundo”.

Destacou que o Bloque “está a punto de facer historia” pero pediu non confiarse nin dar nada por feito, ao contrario, “hai que pelexar polo cambio e sumar no BNG a todos os galegos e galegas que queren abrir un tempo novo, hai que mobilizase para que esa maioría siga medrando e teña no BNG a súa alternativa de cambio fronte a un PP que leva catorce anos triturando o presente e o futuro deste País”

A líder nacionalista deixou claro que hai outra Galiza posible, “unha Galiza en grande” con riqueza e talento, que pode estar á vangarda en ciencia e innovación, que quere avanzar en dereitos e igualdade, feminista; capaz de darlle á xente nova traballo e salarios dignos, na que as persoas maiores teñen garantido o dereito a unha vellez tranquila.

Pontón destacou que quere liderar un goberno que defenda un  rural vivo, produtivo, e habitado,  que coide do medio ambiente e do territorio e que se tome en serio a loita contra o cambio climático; unha Galiza orgullosa da súa lingua e cultura; sen límites con capacidade real de decisión desde aquí,  “e que non decidan por nós desde despachos madrileños”.

“Ese é o gran reto que temos hoxe: poñer en marcha esta Galiza posible liderando o cambio galego e aspiro a ser a presidenta dese goberno do cambio, desde a esperanza e desde a confianza”, concluíu.

A líder do Bloque fixo estas declaracións na súa intervención na xornada de formación organizada polo BNG para abordar o papel das nacións sen estado no contexto estatal, nun panel moderado pola responsable de formación a deputada Montse Prado. Formación que tamén incluía unha serie de obradoiros sobre activismo político, feminismo e igualdade ou sobre o papel das redes sociais na comunicación do traballo político.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG