Pontón coloca a Marga Caldas como a alcaldesa capaz de continuar co progreso e avance de Poio tras o 28M
Mantivo un encontro con integrantes da candidatura e membros de organizacións deportivas de base no que Poio é referente en Galiza
Destaca o modelo municipal de éxito do Bloque capaz de facer que os concellos nos que goberna sexan un referente en calidade de vida
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Poio para manter un encontro con representantes de diversas organizacións deportivas e varios membros da candidatura do BNG para as próximas eleccións municipais do 28M, encabezada por Marga Caldas.
Centrándose na promoción do deporte de base, a líder do Bloque lembrou que “Poio é un referente en Galiza neste ámbito” e que “Marga Caldas tivo moito que ver porque foi a responsable desta área de goberno ao longo dos últimos anos”.
Pontón subliñou a importancia do deporte de base por potenciar valores esenciais para conformar unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa. “O deporte promove valores como o compañeirismo, o respecto ao rival, o traballo en equipo, a tolerancia ou o esforzo e, por suposto, ao mesmo tempo fomenta hábitos de vida saudables”, indicou.
“Caldas, como futura alcaldesa de Poio, vai seguir impulsando o deporte de base, do que desfrutan milleiros de nenos e nenas, de mozos e de mozas cada ano neste municipio” proclamou a portavoz nacional, destacando que “unha sociedade con eses valores é unha sociedade con mellor calidade de vida e iso é parte esencial do modelo municipal do BNG”.
A candidata á alcaldía destacou a importancia da colaboración directa cos clubs e asociacións que se levou a cabo nos últimos anos, destacando o seu papel clave para que “o deporte se convertese en motor económico no concello e para manter unha base deportiva sólida, educando e impulsando ás xeracións do futuro”.
Os concellos BNG, referentes en calidade de vida
O modelo municipal do BNG caracterízanse por poñer ás persoas no centro das políticas, por apostar por infraestruturas e equipamentos deportivos para a veciñanza aproveitando o espazo público e fomentando actividades ao aire libre. Neste sentido, Pontón propuxo para Poio sacarlle rendemento aos equipamentos deportivos dos centros educativos e fomentar o uso de todas as instalacións deportivas “porque esa é tamén unha maneira de fomentar comunidade”.
A líder do Bloque recalcou a importancia de que a veciñanza lle dea a súa confianza a Marga Caldas para que Poio continúe a ser un referente en deporte de base, pero tamén noutros aspectos como en dinamismo económico, social e cultural, e “situándose como un concello referente en calidade de vida e na preservación do entorno natural e ambiental”.
“Estou convencida de que os veciños e veciñas de Poio van seguir apostando polo BNG para que este concello continúe co seu avance, co seu progreso e mirando ao futuro con ilusión e optimismo, da man do BNG e de Marga Caldas como próxima alcaldesa”, concluíu.