“Basta xa, non podemos ter Galiza convertida nun polvorín”
Critica o veto do PP a explicar na Cámara a falta de medios ante os maiores incendios da historia e pide que a vaga de lumes sexa un punto de inflexión
Propostas: mudar abandono por un rural vivo e produtivo, territorio limpo e ordenado, país produtivo, prevención todo o ano e sector primario forte
A portavoz nacional, Ana Pontón, demandou no Parlamento que a vaga de lumes que fixo arder Galiza nos últimos días, cos maiores incendios da súa historia, sexa “un punto de inflexión” para mudar o modelo fracasado do abandono e a despoboación do PP, por un rural vivo, produtivo e con servizos.
“Basta de escusas e de propaganda, e sobre todo, basta de abandono do medio rural, de ter o territorio literalmente a monte, sen ordenar, sen limpar, basta dunha política forestal fracasada, porque o abandono e a despoboación son combustible son combustible para os lumes. Basta xa, non podemos ter a maior parte de Galiza convertida nun polvorín”, destacou na súa intervención na Cámara.
O Bloque solicitou a comparecencia do Conselleiro de Medio Rural para que explique a falta de medios na loita contra as lapas pese a estar en temporada de máximo risco, e para explicar as medidas adoptar para paliar o desastre económico, social e ambiental que deixan os lumes, do que responsabilizou a trinta anos de políticas do PP en contra do territorio.
Sirvan dous datos para mostrar a gravidade do problema estrutural que deixan os gobernos do Partido Popular. Galiza ten apenas un 21% de superficie agraria útil, fronte ao 50% da media do Estado e, dentro dese escaso porcentaxe, apenas o 3,9% está destinado a producir alimentos para consumo humano, fronte ao 25% de media. Sen embargo, temos un 20% do territorio forestado mesmo ocupando o que antes eran terras agrarias.
Ao abandono e á despoboación súmase o cambio climático, “polo que non podemos perder nin un minuto máis e sabemos cal é o camiño correcto”, indicou Pontón, mentres explicaba cales son as propostas do BNG.
Coidar o territorio, mantelo ordenado, limpo e produtivo, poñer o país a producir, apostar por un monte multifuncional, recuperar e mobilizar a terra agraria abandonada e poñela a disposición dos nosos produtores, xestionar o territorio con gandería, agricultura, silvicultura, “todos os países avanzados teñen un sector primario forte”, recalcou. Igualmente imprescindible, a prevención estrutural do territorio os 365 días ao ano, en definitiva, sintetizou, “un rural vivo, produtivo e con servizos”.
“Ese é o camiño que hai que percorrer se queremos ter futuro, non se vai resolver dun día para outro, non hai solucións fáciles nin varas máxicas, pero hai que empezar xa a traballar na dirección acaída se queremos chegar a tempo de salvar o noso territorio”, indicou.
Solidariedade e recoñecemento
Pontón aproveitou a comparecencia para volver trasladar toda a solidariedade do Bloque “a todas as persoas afectadas polos incendios, moi en particular ás que o perderon todo, incluídas as súas casas, e con elas, moitos dos seus recordos máis persoais”, lamentou.
E tamén expresou de novo o recoñecemento e agradecemento do BNG ao persoal do servizo de extinción e loita contra o lume, “que fai un traballo extraordinario, moitas veces en condicións de precariedade e mesmo arriscando as súa vidas. Non podemos permitir que ao risco de loitar contra o lumes se engada o risco da precariedade e a falta de medios”, alegou.
Dar explicacións sobre esa falta de medios e esa precariedade era o que motivaba a petición de comparecencia do conselleiro de Medio Rural, finalmente vetada polo PP, alegando “politización” dos incendios.
Mocasíns e mangueiriña
“Politizar os lumes e posar con mocasíns, camisa branca e manguerita; politizar é mandar instrucións aos concellos gobernados polo PP para boicotear a constitución do dispositivos anti-incendios, e politizar e facer declaracións imperdoables como dicir que co PP non morrían persoas nos incendios”, replicou Pontón, quen tamén lamentou que ao Goberno de Rueda “lle moleste o Parlamento e a lle moleste a democracia”.
“Despois de que Galiza soportase os maiores incendios da súa historia, este Parlamento non pode estar de brazos cruzados e o Goberno ten que comparecer e dar contas do que se fixo, da falta de medios e de persoal e, sobre todo, que pensa facer para evitar, no posible, que se volva repetir outra vaga de lumes”.