A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu o acordo de investidura acadado polo Bloque que impulsa a axenda galega no Estado e mellora a vida dos galegos e das galegas fronte á incapacidade do presidente da Xunta para defender os intereses do País. “O acordo do BNG é unha boa noticia para Galiza, pero unha mala noticia para o PP e por iso está tan enfadado”, reprochou a Alfonso Rueda durante a sesión de control parlamentaria.
Pontón recriminou ao xefe do Executivo ser “o único galego ao que lle parece mal” que o Bloque consiga máis rebaixas para a AP-9 e logre estendelas á AP-53, que acade para Galiza igualdade de trato na condonación de débeda ou que o País vaia ter un servizo ferroviario de proximidade. “Nós, con toda a humildade, conseguimos un acordo que mellora a vida dos galegos e das galegas; que conseguiu vostede? Non conseguiu nada”, lamentou.
Nesta liña, cualificou de “esperpento” que Rueda critique o feito de que Galiza vaia ter menos débeda, “sobre todo porque o BNG está facendo o traballo que non fai o seu Goberno e, ademais, está tratando de solucionar o problema que creou o PP”, explicou en relación á débeda pública multiplicada por tres durante o mandado dos populares, pese aos recortes en servizos públicos.
A portavoz nacional conclúe que o malestar do PP responde a que o acordo deixa en evidencia a incapacidade do actual goberno para defender os intereses da xente deste País. “Pídolle que, no tempo de desconto que lle queda, se non é capaz de axudar que cando menos non poña paus nas rodas, non prexudique os intereses dos galegos e as galegas única e exclusivamente porque lle molesta que este Galiza avance grazas aos acordos do BNG”, reclamou.
Pontón defendeu o acordo durante a sesión de control parlamentaria, na que preguntou pola execución do Plan Move anunciado polo PP cun investimento de 2.600 millóns de euros e a construción de 570 quilómetros de vías de altas prestacións e do que dixo “é papel mollado” dado o algo grado de incumprimento 14 anos despois.
Neste sentido, puxo como exemplo que non estean nin sequera iniciadas infraestruturas como as variantes de Carballo, Ribeira e Alba-Pontevedra que tiñan que estar rematadas, nalgúns caso fai máis dunha década. O mesmo sucede coas autovías Brión-Noia e Baio-Berdoias ou a Vía de Altas Prestacións Lalín-Alto do Faro, tamén sen iniciar cando deberían levar anos en funcionamento.
En igual situación de anuncios incumpridos está o enlace do Curro e Vilagarcía, que non só tiña prazo de remate en 2015, senón que ademais foi eliminado da programación orzamentaria ou a conexión PLISAM con Portugal, que tamén desapareceu da programación orzamentaria, pese a estar prevista para 2020.
A estas actuacións nin sequera comezadas, engadiu a Vía Ártabra (conexión da AP9 coa N-VI), que segue sen rematar pese a que estaba prevista para 2013; a autovía do Baixo Miño, que só ten executada unha das catro fases previstas e cuxo prazo de remate era 2015; ou a Autovía Costa Norte, cun 80% sen executar a pesares de que tiña que ser posta en marcha en 2017.
“Propaganda, propaganda, propaganda; ao seu goberno sóbralle propaganda e fáltanlle feitos”, evidenciou Pontón, logo de recordar que catorce anos despois “de maneira maioritaria e dunha forma absolutamente escandalosa” seguen incumpríndose os compromisos do PP no Plan Move. Pero ademais de incumprir o anunciado, o PP volve demostrar que tamén en materia de infraestruturas está do lado dos lobbies económicos cuxos intereses coloca por riba da xente, denunciou a líder do BNG, en referencia ao sobre custe de 44 millóns de euros en favor das concesionarias de autoestradas como denuncia o último informe do Consello de Contas, “así é como goberna o PP”, concluíu.