En Colombia, na toma de investidura de Gustavo Petro e Francia Márquez

Ana Miranda e Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, viaxará a Colombia para asistir o vindeiro 7 de agosto ao acto de investidura do presidente Gustavo Petro e da vicepresidenta Francia Márquez, que dará paso ao primeiro goberno de esquerdas na historia deste país, unha viaxe na que tamén participa a responsable da Área de internacional da Executiva nacional, Ana Miranda.

Antes de asistir á investidura, Pontón e Miranda desenvolverán unha axenda de encontros co diferentes entidades e organizacións políticas, entres elas Colombia Humana, o partido do presidente Petro, e con destacadas figuras políticas como a co-presidenta da Comisión da Paz e senadora María José Pizarro ou o maxistrado e experto en dereitos humanos, Luís Guillermo Pérez Casas.

Previa á visita a Colombia, a portavoz nacional fará escala en Chile país que tamén está en plena onda de cambio, tras a chegada á presidencia do Goberno de Gabriel Boric. No país andino, entre o 3 e 4 de agosto, a líder do BNG manterá un encontro con Elisa Loncón no Senado da república, así como encontros coa alcaldesa de Santiago de Chile, Iraci Hassler, e co alcalde do municipio de Recoletos, Daniel Jadue, referentes da esquerda chilena.

Igualmente, manterá reunións con responsables de diversas formacións políticas do ámbito da esquerda e con entidades como a Fundación Chile Constituyente, coa que a Fundación Galiza Sempre do BNG asinará un convenio de colaboración.

Con esta axenda de encontros, reunións e contactos, o BNG quere ampliar e reforzar as súas relacións internacionais baixo unha perspectiva de colaboración e solidariedade entre os pobos, de progreso, igualdade, liberdade e avance dos dereitos das maiorías sociais.

No caso concreto de Colombia, o BNG confía que o triunfo da coalición Pacto Histórico e a constitución do novo goberno traia profundos cambios tanto no político, como no económico e social, a favor das maiorías, nunha Colombia cun elevadísimo nivel de pobreza e de desigualdade.

 

Destaca tamén a figura da vicepresidenta Márquez, que en si mesma supón todo un punto de inflexión, pois por primeira vez unha afrocolombiana de orixe humilde,   feminista e activista ambiental entra no Pazo presidencial. Exemplo do liderado crecente das mulleres en política, o Ministerio da Igualdade, unha das súas propostas máis significativas, está chamado a ser unha ferramenta clave para loitar a favor dos dereitos das mulleres.