Pontón acusa a Rueda de traballar para as “empresas amigas do PP” por impoñer a "bomba ambiental” de Altri en Galiza

Advirte que o proceso administrativo aínda non está rematado, polo que a Xunta segue tendo a “pelota no seu tellado” para parar a macrocelulosa

Exixe ao Executivo central que abandone a súa ambigüidade e negue con claridade os 250 M€ que os populares piden para a multinacional lusa

Chama á mobilización masiva o sábado na Pobra do Caramiñal contra unha planta que ameaza de morte o rural e o mar e eucaliptiza o País

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de traballar para as “empresas amigas do Partido Popular” ao tratar de impoñer “a bomba ambiental de Altri” no corazón do País.

Así o afirmou logo do encontro que, acompañada do viceportavoz parlamentario, Luís Bará, mantivo con diversos axentes do sector agroalimentario para presentar a estratexia do goberno alternativo do BNG que ten como obxectivo que cando menos o 50% da compra pública alimentaria que faga a Administración galega no horizonte do 2027 se realice con criterios ambientais e sociais, primando a produción local de proximidade e sostible, impulsado a fixación de poboación e preservando o territorio e o medio ambiente.

Xusto o contrario do que está facendo o Goberno de Rueda, “que ameaza con destruír unha parte da nosa capacidade produtiva coa bomba ambiental de Altri”, afondou. Pontón reiterou que a macrocelulosa da multinacional portuguesa implica a destrución do medio natural galego, “na terra e no mar”, ameazando a produción de comarcas agrogandeiras e pesqueiras que están producindo alimentos de calidade saudables, con proxectos que son “clave” para fixar poboación e coidar o territorio e o medio ambiente.

A portavoz nacional incidiu en que a planta contaminante que proxecta Altri en Palas de Rei supón tamén una “ameaza de morte” para o rural -“convertendo Galiza nun eucaliptal, que é o mesmo que converter Galiza en pasto dos lumes, co que isto implica de destrución e mesmo de risco para a vida das persoas”, subliñou- e tamén para o río Ulla e a ría de Arousa, xa que contamina un dos ecosistemas máis ricos e importantes de Europa, o que destruiría a súa biodiversidade e poría en risco 8.000 empregos, tanto na terra, como no mar.

Todo isto é o que o Executivo de Rueda, afirmou, “quere liquidar para favorecer os intereses de Altri e Greenalia”, empresa da exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, “e compañeira de partido do presidente da Xunta”, recordou.

“Para quen traballa Rueda? A resposta é moi clara, para as empresas amigas do PP, por iso quere impoñernos un proxecto contaminante que unha empresa portuguesa non puido instalar en Portugal”, reflexionou a portavoz nacional, quen advertiu que o proceso administrativo na Xunta aínda non está rematado, polo que o Goberno do PP aínda ten tempo de rectificar e parar a macrocelulosa.

Neste sentido, lembrou que a declaración de impacto ambiental favorable que vén de anunciar a Consellería de Medio Ambiente é un primeiro paso, pero “non é o paso definitivo”, dado que aínda falta a tramitación da avaliación ambiental integrada e a autorización para a concesión de Augas.

“A Xunta segue tendo no seu tellado a pelota sobre o que vai facer a respecto da bomba ambiental de Altri que está poñendo en risco non só o noso modo de vida, o noso territorio e 8.000 postos de traballo, senón tamén, o modelo de futuro que queremos para Galiza, porque Altri non é un modelo de futuro, é unha industria contaminante do pasado e nós iso non o queremos”, sintetizou.

Neste contexto, a líder nacionalista concluíu que serán os galegos e as galegas, cos que estará o BNG, os que freen a macrocelulosa “coa súa mobilización nas rúas para defender a dignidade e o futuro” fronte “a un Partido Popular empeñado en vender Galiza a prezo de saldo, levándose todo por diante”.

Por iso, fixo un chamamento á mobilización o próximo sábado, na manifestación convocada na Pobra do Caramiñal, fronte ao intento de imposición do Goberno de Rueda desta planta contaminante, sobre a que, a preguntas dos medios, tamén reclamou ao Executivo estatal que aclare a súa posición.

“Ao lado desas responsabilidades da Xunta, nós tamén lle exiximos ao Goberno central que diga claramente que non vai dar eses 250 millóns de euros que lle está pedindo o Partido Popular para que Altri se instale e contamine e destrúa o noso territorio”, demandou para emprazalo a “saír da súa ambigüidade” e aclarar que vai facer.

“Vai seguir o que lle está pedindo o señor Rueda, que é dar 250 millóns de euros a una empresa portuguesa para que contamine o noso País, ou vai escoitar á cidadanía galega que onte mesmo volveu saír a dicir alto e claro que queremos futuro e non queremos industrias contaminantes?”, cuestionou para concluír a súa intervención.