Pontón acusa a Rueda de poñer en risco a actividade da Ría de Arousa apoiando as bombas ambientais de Altri e da mina de Touro
Critica ao Goberno do PP que poña os intereses de dúas multinacionais por riba da xente do mar co risco de liquidar un sector estratéxico como o marisqueiro
Propostas BNG: paralizar estes dous proxectos contaminantes, rexeneración integral das rías e plan de cobertura económica para as traballadoras e traballadores afectados
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao Executivo de Alfonso Rueda de poñer en risco a actividade marisqueira da Ría de Arousa, da que viven 4.000 familias, apoiando as “bombas ambientais” de ALTRI e a mina de Touro, que terían un “efecto letal” para a ría.
“O Goberno de Rueda coloca os intereses de dúas multinacionais por riba do interese da xente do mar, porque tanto a actividade da mina de Touro como a da macrocelulosa de ALTRI terían un efecto letal para a ría en termos de contaminación, co risco de liquidar a actividade marisqueira e liquidar o medio de vida de miles de familias”, afirmou logo dun encontro en Vilagarcía de Arousa con alcaldes, alcaldesas e cargos municipais do BNG nos concellos da ría e do Baixo Ulla afectados por ámbolos dous proxectos contaminantes.
A líder nacionalista recordou o “grave problema de produtividade” que arrastra a Ría de Arousa e que se agravou nos últimos anos coa mortaldade masiva das especies comercialmente máis valiosas, o que ten un efecto demoledor na creación de riqueza e emprego, mentres o Executivo do PP “leva anos cruzado de brazos e lonxe de ser parte da solución, é parte do problema”, criticou.
E é parte do problema porque, afondou, en lugar de actuar con decisión e con propostas para recuperar a produtividade, o que fai é “engadir novas ameazas apoiando proxectos contaminantes” como a mina de Touro e a macrocelulosa de ALTRI que poden significar a morte definitiva do marisqueo na ría.
Pontón advertiu que a rexeneración integral das rías segue sendo unha materia pendente por parte dun Goberno do PP que, lonxe de apostar por ela, o que fai é engadir máis contaminación ás rías, “poñendo os intereses de dúas multinacionais por irba da xente do mar”. “A mina de Touro e a macrocelulosa de ALTRI por riba da xente do mar, esas son as prioridades do Partido Popular”, incidiu.
Neste contexto, a portavoz nacional reiterou unha vez máis o “apoio total” do BNG á xente do mar e, coherentemente, a oposición da formación nacionalista á mina de Touro e á macrocelulosa de ALTRI, “bombas ambientais que -recalcou- son un auténtico perigo para o futuro de 4.000 familias na Ría de Arousa”.
Ademais da paralización de ámbolos dous proxectos, Pontón puxo enriba da mesa propostas concretas “a favor da xente do mar e da recuperación da produtividade do marisqueo”, tanto na Ría de Arousa, como no conxunto das rías galegas.
En primeiro lugar, defendeu a posta en marcha dun plan de rexeneración integral da Ría de Arousa e do conxunto das rías galegas, consensuado co sector, coas universidades e cos centros de investigación. “Eses 250 millóns de euros públicos que o PP quere entregarlle a unha multinacional portuguesa como ALTRI estarían moito mellor investidos na mellora da Ría de Arousa e tamén do Río Ulla”, indicou neste sentido, para avanzar a continuación que o BNG volverá levar ao Parlamento esta proposta.
A esta primeira medida, engadiu a articulación dun plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola perda de produtividade ata que se recupere a actividade con total normalidade.
Así mesmo, propuxo a recuperación do seguro público de produción marisqueira que asegure unha “renda digna” aos traballadores e traballadoras do mar en inactividade e axudas directas ás confrarías para garantir a súa actividade e emprego como institucións fundamentais nun país que ten como un dos seus sectores económicos máis importantes a pesca e o marisqueo.
Por último, avogou por desenvolver un proxecto de semente de moluscos bivalvos para ter produción propia e repoboar os bancos marisqueiros e pola posta en marcha dun protocolo de baleirado dos encoros, para protexer as rías de prácticas nocivas neste sentido. “Non pode ser que a actividade das eléctricas poña en risco a actividade económica das rías, sen que esta cuestión se regule”, advertiu.
A líder nacionalista recordou que estas medidas e propostas son nas que xa debería estar traballando o Executivo do PP xa que foron ademais aprobadas polo Parlamento a iniciativa do BNG. “O que non pode ser é que teñamos ao Executivo de Rueda, que ten como especialidade tapar os problemas con manipulación, propaganda e anuncios, facendo de axente comercial de multinacionais como ALTRI ou tentando impoñernos outra vez a mina de Touro que xa no seu momento foi paralizada”, concluíu.