Pontón acusa a Rueda de poñer os intereses dos promotores por riba das persoas que buscan vivenda desesperadamente
Tras 15 anos dinamitando a política social de vivenda, a gran medida do PP é subir un 30% o prezo da vivenda protexida, critica a líder do BNG
Están nun delirio propagandístico tal, alega, que entregan como novas as chaves de vivendas protexidas construídas hai máis dunha década
Pide a Rueda que deixe de boicotear ao Concello de Santiago e que cumpra a lei eliminando do rexistro da Xunta as 761 VUTs ilegais
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de antepoñer os intereses dos promotores por riba dos galegos e das galegas que “buscan desesperadamente” unha vivenda ao subir un 30% o prezo dos pisos protexidos, a gran medida do Goberno do PP despois de 15 anos “dinamitando a política social de vivenda”. Unha subida que se engade ao incremento do 8% de 2023, en total un 38% nun ano.
“Cando aprobou esta subida, en que pensaba: nos promotores ou nos galegos e nas galegas que buscan desesperadamente unha vivenda?”, recriminou Pontón na sesión de control, recriminando ao xefe do Executivo de “seguir favorecendo aos promotores” en detrimento das familias que non poden acceder a unha vivenda a prezos razoables.
A líder nacionalista recordou que o Goberno do PP recortou un 50% o investimento en vivenda, deixando sen executar só en 2023 o 41% do orzamento, e advertiu que o Plan de Vivenda 2015-2020 marcaba como obxectivo 870 novas vivendas de promoción pública das que, en realidade, só se construíron 40.
Con estas cifras, evidenciou a ausencia dunha política social de vivenda por parte do PP, tal e como tamén demostra o feito de que a vivenda pública representa en Galiza o 0,3% do total, fronte ao 9% da media europea.
Ante o novo baile de datos ofrecido por Rueda, Pontón retouno a contrastar os números. “Poña lugar, día e hora e contrastamos todos os datos porque todos e cada un dos que lle din son datos oficiais da Xunta e os seus non sei de onde saen”, desafiou ao titular do Executivo.
“Esas cales son, as que vostedes están vendendo como novas vivendas cando se fixeron no bipartito cunha Consellería de Vivenda dirixida polo BNG?”, reprochou a un PP inmerso nunha carreira propagandística e de fume tan delirante, “que está entregando como novas vivendas o que son meros cambios de inquilinos e como se inaugura un centro de día cada vez que hai un novo residente”, ironizou.
Neste sentido, tamén recordou que foi o propio Rueda o que no Debate do Estado da Nación do pasado mes de outubro anunciara a construción de 1.900 vivendas protexidas, unha cifra que elevou a 20.000 nun mitin do PP no pasado mes de xaneiro en plena campaña electoral, das que 4.000 serían ademais da Xunta.
“En 15 anos o Goberno do Partido Popular apenas foi capaz de construír unha presa de vivendas públicas, pero agora anuncia que vai facer 4.000 antes de que acabe a lexislatura. Non se cansa nunca de mentir e de enganar aos galegos e ás galegas?”, argumentou para, a continuación, denunciar o boicot do PP aos concellos que si actúan co obxectivo de garantir o dereito a unha vivenda.
Pontón acusou ao goberno do Partido Popular de ignorar aos concellos que piden a declaración de zona tensionada para reducir os prezos dos alugueiros e de boicotear a aqueles que, como Santiago, son “valentes” para regular e limitar o uso das vivendas turísticas, “permitindo que 761 VUTs se inscriban ilegalmente no rexistro turístico da Xunta”.
Por iso, e na vez de “amparar ilegalidades”, demandou a retirada do rexistro da Xunta destas 761 “vivendas ilegais” que hai só no concello de Santiago. “Sabe o que significaría que esas vivendas se puxeran en alugueiro? É moito máis que todo o que vostede vai facer na lexislatura”, afirmou.
Ante as habituais e repetitivas acusacións de Rueda ao BNG, a portavoz nacional reclamoulle que -“entre falar de comunismo e independencia, se atopa un momento”, ironizou- exerza as competencias da Xunta para declarar zonas tensionadas e frear o incremento dos prezos do aluguer.
A líder nacionalista rematou a súa intervención reprochándolle ao PP que se enche a boca falando da Constitución pero que despois incumpre sistematicamente cando se trata de garantir o dereito a unha vivenda digna, “nomeala e logo incumprila é o que caracteriza ao PP que sempre se esquece dos dereitos da cidadanía”. “Tómense en serio os problemas da xente e cumpran o dereito á vivenda en vez de estar traballando na dirección contraria”, concluíu Pontón.