parlamento galego

Pontón acusa a Rueda de facer un uso electoralista dos orzamentos que retratan a un goberno nas últimas

Ana Pontón

O teito de gasto avanza unhas contas inservibles para mellorar os servizos públicos, axudar ás familias e fortalecer ós sectores produtivos

Denuncia que o PP deixo sen investir 3.154 M€ entre 2019-2022 en temas clave como vivenda, ciencia, formación de parados ou conciliación

Tacha de “farsa” debater sobre límite de gasto nos orzamentos de 2024 cinco minutos antes de sexan aprobados polo Consello da Xunta

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou por destacar a “farsa” de debater o teito de gasto unha hora antes de que o goberno do PP aprobe o proxecto de lei de orzamentos, unha nova falta de respecto co Parlamento, que se completa co adianto do Consello da Xunta, “para que o señor Rueda vaia ao Senado a repetir que España se rompe por enésima vez e que estamos ante a chegada do fin do mundo porque o señor Feijóo no logrou ser presidente do Goberno de España”, ironizou.

Mentres Andalucía realizaba este debate o 26 de xullo, Pontón denunciou que o retraso en Galiza responde ao feito de que o Executivo popular “leva meses convertido no apéndice electoral do PP de Madrid, cun goberno paralizado, primeiro ao servizo da estratexia electoral madrileña e despois coa calculadora electoral na man calibrando cando era a mellor data para os comicios galegos”.

“O plan do señor Rueda era cabalgar sobre o novo inquilino da Moncloa, pero como non puido ser, leva semanas de promoción persoal como candidato, usando o seu cargo e utilizando os orzamentos como peza clave desa estratexia electoral. Esta é a democracia que practica o Partido Popular, usar as institucións ao servizo do partido”, denunciou na súa intervención.

Pontón ironizou sobre o carácter “histórico” que ano tras ano o PP concede aos seus orzamentos, para tapar un “raquítico” incremento que na práctica supón unha conxelación dos orzamentos nun momento de crise de prezos, que precisa que o público sexa motor da economía e do benestar.

“Este teito de gasto é o mellor retrato dun Goberno esgotado,  sen ambición e sen proxecto de futuro, dun Goberno que está nas últimas, sen nada que ofrecer nin ás familias, nin ás empresas. Non axudan a quen máis o necesita, nin teñen proxectos transformadores que permitan abordar os retos que están sobre a mesa”, argumentou.

“Con este teito de gasto, van estes orzamentos frear o peche de industrias? Reforzar os servizos públicos? Reverter os recortes en atención primaria e acabar coas listas de agarda nos centros de saúde? Van mellorar o sistema de atención as persoas maiores? Impulsar a ciencia? Van servir para loitar contra o cambio climático? Van permitir frear a emigración de xente moza ou a perda de poboación? Xa lles digo que lamentablemente non, porque repiten as mesmas políticas fracasadas de sempre”, destacou, citando asuntos que o BNG considera retos clave.

“En definitiva, o resultado serán uns orzamentos inservibles para defender e recuperar os servizos públicos e enfrontar as grandes transformacións que Galiza necesita”, sentenciou.

A líder do BNG tamén puxo en dúbida algunhas das previsións do Goberno, contraditorias coas doutros organismos, por exemplo, anticipando unha baixada do prezo da enerxía, cando as previsións son que ese prezo suba. O propio Banco de España revisa á alza a inflación para 2023-2024, indicando que hai subidas nese horizonte temporal entre outros factores polo incremento do petróleo e do gas.

“Dar unha imaxe maquillada da realidade para presentar os orzamentos non vale de nada, porque facerse trampas ao solitario non vale de nada e menos cando se trata de dar solucións ós problemas do País”, indicou, ao tempo que denunciaba a inutilidade de anunciar investimentos que despois non se executan.

Só entre 2019-2022 este goberno deixou sen gastar 3.154 M€. A modo de exemplo, o programa de acceso á vivenda quedou sen executar o 78% do total, 92 M€; “un fracaso absoluto, sobre todo se temos en conta que acceder a unha vivenda é misión imposible para miles de persoas neste País”.

Galiza infrafinanciada

En formación profesional de persoas desempregadas deixaron sen gastar o 53% do que anunciaron, 247 M€; en impulso á ciencia quedaron no papel 191 M€, o 33% do total e en conciliación da vida laboral e profesional, o PP deixou sen investir o 74% das partidas.

Pontón tamén puxo o foco no feito de que Galiza está infrafinanciada por parte do Estado e no reparto centralista da capacidade de endebedamento, que para 2024 o Goberno de Sánchez cifra nun 3% para o Estado e nun 0% para Galiza. A líder do Bloque propón reclamar que se continúe cunha aplicación flexible das regras fiscais, “porque persiste a situación excepcional da crise de prezos”, e negociar un modelo de financiamento xusto con Galiza.

“Pero iso, como tantas outras cuestións importantes, terán que ser negociadas por quen realmente confía na capacidade deste País, por un goberno do cambio que aspiro a presidir e que terá nos orzamentos a folla de ruta para impulsar os grandes retos da Galiza do futuro”, concluíu.