parlamento galego

Pontón acusa a Rueda de deixar ás familias tiradas ante a crise de prezos mentres fai agasallos fiscais aos máis ricos

Ana Pontón

Propón recuperar a tarxeta básica para mercar alimentos e medicinas, compatibilizar RISGA e IMV e un fondo de rescate hipotecario

Advirte que Galiza perde coa submisión de Rueda ao PP de Madrid e que son os galegos e as galegas as que pagan a factura de tanto servilismo 

A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou hoxe no Parlamento galego a súa preocupación pola subida de prezos en Galiza, situándose por riba da media estatal pese a ter salarios e pensións máis baixas.

“Un Goberno debe estar para axudar e protexer ás persoas cando máis o precisan, nos momentos de máis dificultade”, díxolle a Rueda, criticando a falta de medidas de calado para axudar aos galegos e ás galegas “angustiadas” pola subida dos prezos por parte dun presidente da Xunta que non fixo máis que “arrastrar os pés ante a crise”.

Neste sentido, Pontón destacou que as achegas do xefe do Executivo ante a suba de prezos son “votar en contra de todas as medidas do BNG para axudar ás familias é pasear por Madrid: o pasado domingo facendo de figurante no mitin do PP e onte de novo en Madrid para aplaudirlle a Feijóo, por certo, tamén lle aplaudiu cando asumiu compromisos con todas e cada unha das comunidades pero ignoraba a Galiza?”.

Pontón lamentou estar ante “un presidente accidental e irrelevante no político, submiso a Madrid, capaz de chegar a un nivel de servilismo tan alto que até vota en contra do galego, unha vergoña que o perseguirá sempre”, sentenciou, ademais de ser un goberno insensible co sufrimento da xente do común.

A portavoz nacional quixo lembrar como “o PP votou en contra de axudar ás familias ante curso escolar máis caro da historia, votou en contra de axudar ás familias coas hipotecas, e suprimiu a tarxeta básica para comprar alimentos e medicinas”. “Todo isto mentres Rueda e o PP lle regalan 34 millóns de euros ás persoas máis ricas de Galiza por medio dunha amnistía fiscal”, indicou a líder do Bloque.

Fronte a un PP que goberna para os ricos e poderosos, o BNG sitúase ao lado de quen máis sobre coa actual crise de prezos e levará ao Parlamento tres medidas concretas.

A primeira pasa por recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas. A segunda, facer compatible a prestación da RISGA co IMV, “unha posibilidade que o PP veta pese a ser unha promesa electoral que fixeron hai tres anos”. Como terceira medida,  un fondo de rescate hipotecario para axudar ás familias pagado nun 75% pola banca. “Isto, na práctica, supón fixar un tope nos intereses” puntualizou Pontón.

“Todas son propostas concretas e viables se hai vontade política de axudar a quen máis o precisa”, declarou Pontón, pedíndolle a Rueda que “deixe de ignorar os problemas que lle quitan o sono a miles de persoas neste País”. “Forma parte dun Goberno que xa sabe que está no seu tempo de desconto porque, cando os galegos e as galegas poidan decidir, apostarán por un cambio de rumbo para Galiza”, concluíu.