Pontón acusa a Rueda de actuar como “delegado electoral do candidato Feijóo” supeditando Galiza ós intereses do PP
A súa submisión é tal, denuncia, que nin é capaz de esixirlle que cumpra a lei e xustifique no Parlamento o aumento de 800.000 € no seu patrimonio
“Só hai algo peor que un Goberno do PP submiso a Madrid, un goberno do PP submiso que asume o discurso ultra da extrema dereita antigalega”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta de estar tan instalado na “submisión” a Madrid que xa non ten reparo en actuar directamente como “delegado electoral do candidato Feijóo”, supeditando Galiza aos intereses partidista do PP: “É tan manso e tan submiso que nin sequera é capaz de pedirlle que cumpra a lei e explique neste Parlamento o incremento do seu patrimonio en 800.000 euros en tres anos”, denunciou na sesión de control.
A supeditación de Galiza ao PP é tal que até a utilizan para recolocar ao candidato Feijóo, “que ademais do sobre-soldo do partido cobra un salario como senador por Galiza, sen que presentase nin unha soa iniciativa, nin unha soa proposta, nin unha soa medida relacionada con este País”, denunciou, “pero o señor Rueda está feliz como unha perdiz co seu papel de delegado electoral de Feijóo”.
Pontón alertou do alto prezo que están pagando os galegos e as galegas cun goberno do PP, “atado de pés e mans ao centralismo”, nun momento en que o País ten sobre a mesa grandes retos que debe afrontar con éxito para ter futuro. Retos como a crise demográfica, nunha Galiza que perdeu 94.000 habitantes mentres o conxunto do Estado gana poboación; á cola en natalidade, mentres desde 2009 emigraron 375.000 persoas, a maioría xente moza.
Retos como a falta de converxencia con Europa, cun retroceso de trece puntos até situarse no 77% do PIB medio europeo, unha tendencia da que tamén alerta o último informe do Consello Económico e Social; unha economía galega no furgón de cola en competitividade, coa advertencia dos expertos á respecto da debilidade en infraestruturas básicas.
Retos como a perda de peso industrial, coa destrución de 40.000 postos de traballo desde 2008 segundo o CES, e cun IPI galego que diminuíu catro veces máis que no conxunto do Estado nos últimos anos. Ou retos, tamén, como o de reforzar os servizos públicos, a emerxencia climática, a despoboación do rural, o modelo enerxético “e tantos outros nos que Galiza está quedando atrás”, lamentou a líder do BNG.
“E non é por casualidade, nin porque este País non teña potencial, recursos e talento, é a consecuencia de catorce anos de submisión do PP ao centralismo, facendo o que lles mandan desde a Rúa Génova e poñendo os intereses partidistas por riba de Galiza”, denunciou Pontón, quen cualificou o Goberno de Rueda como “o peor goberno da historia incapaz de resolver nin un só dos graves problemas e dos grandes retos que ten este País, por iso deixa unha Galiza cada vez máis pequena”.
A líder do Bloque tamén alertou sobre a deriva do Partido Popular que branquea e asume o discurso ultra da extrema dereita machista, racista, xenófoba e profundamente antigalega. “Señor Rueda, se hai algo peor para Galiza que un Partido Popular submiso á Madrid é un PP submiso a Madrid que asume o discurso ultra da extrema dereita antigalega”, denunciou, “e este é Partido Popular que nos deixa unha Galiza máis pequena”.
Fronte a un PP supeditado ao centralismo, o BNG ten un proxecto de País coas mans libres para defender Galiza, aquí e ante o Estado, como demostrou tamén neste último mandato no que un deputado do Bloque foi máis útil para os galegos e as galegas que todos os demais xuntos, cunha rebaixa histórica na peaxe da AP9 da que cada día se benefician 20.000 persoas, “moito máis do que conseguiron os dez deputados e deputadas do PP”, concluíu.