Pontón acusa a Feijóo e a Rueda de ir en contra do sentir maioritario da cidadanía votando en contra do galego

Ana Pontón
Ana Pontón

“Están no lado equivocado da historia, que o expresidente e presidente reneguen do idioma é unha deshonra que os perseguirá sempre”, alegou

Reivindica o papel do BNG no logro histórico de normalizar o galego no Congreso, posible pola falta de maiorías absolutas das forzas estatais

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou o “momento histórico” que se viviu onte no Congreso, onde por primeira vez e de maneira oficial foi posible falar galego, “un feito que encheu de orgullo á inmensa maioría dos galegos e galegas, falen a lingua que falen no seu cada día”, recalcou. Un sentimento de orgullo maioritariamente compartido que tivo dúas grandes excepcións: Feijóo e Rueda.

“Ver ao señor Feijóo, durante 13 anos presidente da Xunta, e ver ao señor Rueda, actual presidente deste País, votar en contra do noso idioma, -primeiro no Parlamento galego e despois do Parlamento do Estado-, é unha deshonra que os perseguirá sempre. Unha vez máis o PP con Feijóo e Rueda á cabeza,  no lado equivocado da historia, unha vez máis demostrando que non están á altura nin deste País nin da súa xente”, salientou Pontón.

A líder do BNG lamentou que en lugar de defender e de sentir orgullo do galego, “optaron por renegar da lingua que nos une a todos e a todas, a lingua das nosas avoas, das nosas nais e a queremos deixar para os nosos fillos e fillas”, alegou. Neste sentido, a portavoz nacional destacou a “folla de servizos” de ambos os dirixentes populares en contra do idioma.

“Fixeron o de sempre: traballar en contra do galego”, recalcou, recordando que o xefe do Executivo encabezou unha manifestación en contra da lingua e citando tamén o denominado decreto da vergoña aprobado polo agora presidente do PP, que prohibe ensinar matemáticas, física ou tecnoloxía en galego e secundarizando o propio idioma no ensino. Resultado: o galego é a única lingua do Estado que perde falantes.

“Por que lle molesta tanto ao PP que se poda falar galego? Por que sempre está en contra de todos os avances para  a nosa lingua?”, interpelaba Pontón, cunha mensaxe para o presidente da Xunta. “Quero dicirlle que nin todas as súas mentiras, nin as súas críticas ao BNG van tapar a vergoña de ver a un presidente da Xunta  votando no Parlamento en contra do noso idioma, non hai mentiras nin críticas ao BNG detrás das que poder agochar semellante desprezo e traizón ao noso idioma”, recalcou.

Pontón reivindicou o papel do Bloque no logro histórico acadado no Congreso, onde a formación nacionalista leva décadas defendendo e traballando para facer posible o uso das linguais oficiais, e fixo referencia á iniciativa rexistrada hai catro meses na Cámara alta, debatida e rexeitada tamén cos votos do PSOE, “unha proba da miopía das forzas estatais, demostrando que tamén ao Partido Socialista lle costa asumir que estamos nun Estado plurilingüe, pluricultural e plurinacional e que só admite avances cando non hai maiorías absolutas”.

Pontón avanzou que, tras o fito histórico de onte, o Bloque seguirá dando a batalla para que o galego avance en todos os ámbitos, tamén nas institucións europeas, “sen permitir que sexa considerado unha lingua de segunda”, subliñou, e de cara a lograr ese obxectivo axudaría que o PP deixara de traballar á contra e deixara de poñer paus nas rodas á lingua galega.

Nesa dirección, avanzou, o BNG vai levar de novo ao Parlamento unha iniciativa para apoiar o uso do galego en todas as institucións, tanto no ámbito europeo.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG