Pombo acusa a J. Vázquez de ser o conselleiro de Wert e liquidar o galego no ensino

O deputado do BNG, Cosme Pombo lamentou que o conselleiro de Educación non se retractara das acusacións contra os colectivos e cidadáns contrarios ao decreto do galego

Pleno.- Tras a comparecencia do conselleiro de Educación para informar do inicio do curso 2013-2014 no ensino non universitario, o deputado do BNG, Cosme Pombo afirmou que nun momento de grave crise económica cumpre máis que nunca apoiar o ensino público galego e non malgastar o diñeiro público en “subvencións ilegais”.

Na súa intervención, o nacionalistas aludiu ao remate do curso pasado protagonizado polo grande número de protestas contra a LOMCE e recortes permanentes no ensino público. Neste curso, todo indica, dixo, que vostede vaise converter no “conselleiro de Wert en vez do conselleiro de educación da Xunta”.

Pasará á historia por ser o primeiro conselleiro en prohibir o uso do galego en áreas científicas técnicas e por conseguir que o idioma galego non chegue ao 5% no ensino infantil nas cidades.

O 28 de setembro Galiza contra a LONCE

O nacionalista aludiu ás medidas que ao seu xuízo, “deterioran gravemente o ensino público galego” entre as que destacou o incremento das taxas de matriculas, a eliminación da gratuidade dos libros e o pago dos comedores escolares para o alumnado transportado.

Asemade, criticou que mentres son cerradas no rural unidades escolares, a consellería de educación segue concertando máis de corenta unidades novas e ciclos formativos que lle son negados ao ensino público.

Cosme Pombo anunciou que de novo, participará na vindeira manifestación o vindeiro día 28 en Compostela para pedir a retirada da LONCE, unha lei, afirmou que “liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino ao alumnado en condicións máis desfavorecidas”.

O PP coa súa política "linguicida" liquida o  galego

O deputado do BNG referiuse a Lei de Normalización Lingüística que obriga ás autoridades educativas a arbitrar medidas para o uso progresivo do galego no ensino, no pasado curso, inquiriu, foi o curso dende a época de Franco, que “menos se falou galego nas aulas de infantil nas cidades”, e isto é logro seu e do Sr. Feijóo a través dunha política “linguicida” para eliminar na práctica o noso idioma.

Pombo lamentou que o conselleiro de Educación non aproveitara a súa comparecencia para “retractarse” das declaracións nas que dedica cualificativos como “antidemócratas coniventes co terrorismo” aos colectivos que se opuxeron a un decreto que pretende “eliminar o galego no ensino”.

A Real Academia galega, a inmensa maioría dos movementos de renovación pedagóxica, as AMPAS de Galiza, os sindicatos e partidos políticos, agás o PP, a Mesa pola Normalización Lingüística, o Consello Escolar de Galiza e os miles de cidadáns do noso país que se manifestaron contra ese abuso, tamén son antidemócratas? preguntou.

O PP utiliza os recursos públicos de maneira partidista e irresponsable

Sr. Conselleiro, pídolle que respecte os “acordos unánimes” e non utilice a palabra demócrata gratuitamente porque é “incompatible” co uso de recursos públicos para “beneficio partidario e ideolóxico”.

A palabra demócrata, dixo, tamén é incompatible, coa “difamación, persecución e terxiversación”, e eu fun un dos participantes na manifestación de queremos galego, é delito? preguntou ao conselleiro o nacionalista en alusión á entrevista do titular de educación no diario El País na que afirmou que “Los que se oponen al decreto del gallego non son demócratas”.