As políticas "patriotas" do PP achican Galiza mentres engordan á élite empresarial de Madrid
O BNG alerta que Galiza queda fora da recuperación económica e nin se beneficia da feble mellora que a nivel estatal dan algúns indicadores sobre todo polo incremento de obra pública, -activada en época electoral-. Mentres, a industria, o sector agrario e o sector pesqueiro perden emprego mes tras mes, e a nosa economía retrocede no PIB estatal.
Galiza perde posicións porque ás políticas de recorte do PP non afectan a todos por igual e somos dos territorios máis castigados, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence, por contra, Madrid gana peso como resultado das políticas patriotas do Goberno central que só beneficien á elite económica, gran banca, oligopolios eléctricos e da construción.
Para eles traballa o PP a costa dos intereses das familias e, en perspectiva territorial, estamos ante un patriotismo madrileño, español e centralista, Madrid gana, Galiza, perde; Madrid engorda e Galiza achícase, sintetizaba Vence con datos como argumento, entre eles a caída de investimento entre 2008-2013 a maior de todas as comunidades autónomas e tres veces superior á de Madrid.
Feijóo, traidor
Mentres, o presidente da Xunta parapétase na suposta recuperación do Estado, pero cala e obedece para non recoñecer o fracaso para Galiza desas política patriotas deseñadas polo PP, denuncia o dirixente nacionalista, e insta a Feijóo a defender o país en lugar de comportarse como un traidor aos seus intereses mentres outros territorios parece que poden presumir de recuperación. A Madrid vaille moito mellor que a Galiza, conclúe.
Na descrición realizada por Vence, a situación do sector leiteiro sometida a chantaxe de prezos pola industria, o recorte de cotas de pesca, o sector naval sen carga de traballo pese ao levantamento do veto, o recorte dos ingresos das familias que fixo perder catro puntos o peso dos salarios no PIB e a drenaxe do aforro galego cara fora de 12.000 millóns de euros só en 2014, mentres se nega crédito a particulares e empresas.
A diferencia entre os créditos que a banca presta en Galiza e os depósitos que recada equivale ao 20% do PIB galego, unha expulsión do aforro tan brutal que significa que nos estamos desangrando pola vía do sistema financeiro e non podemos permanecer calados, alerta Vence, quen chama a reflexionar sobre as consecuencias desta situación por encima do ruído de discursos electoralistas.
Se para o PP as políticas de recorte que estrangulan a nosa economía son políticas patrióticas serán a favor de Madrid e da súa elite económica, que en Galiza aplica Feijóo desde 2009 con consecuencias nefastas para o este país, sen recuperación económica e sen emprego, conclúe.