Pleno Congreso: PP rexeita a moción do BNG sobre a tributación das pensións de emigrantes retornados

O PP opúxose este mediodía no Pleno do Congreso á moción da portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, para resolver de maneira xusta e equilibrada o problema xerado por Facenda coas pensións estranxeiras dos emigrantes retornados.

O deputado do PP, Celso Delgado, foi o deputado popular encargado de argumentar o voto en contra do PP á moción do BNG. A votación terá lugar mañá xoves aínda que no debate xa ficaron claras as posturas.

Na súa intervención perante o pleno, Davila explicou que a moción presentada polas nacionalistas galeas, que é consecuencia da interpelación dirixida a semana pasada a Montoro, consta de catro puntos. “Puntos que recollen as demandas dos colectivos de emigrantes retornados xubilados”.

Precisamente, remarcou a deputada do BNG, “onte mesmo unha parte deste colectivo de xubilados entregaron nunha delegación da Axencia Tributaria as súas reclamacións”, coincidentes coas propostas que hoxe o BNG levou ao Pleno da Cámara.

“Non é certo, hai emigrantes que siguen recibindo multas de Facenda”

Davila enfatizou a inxustiza de Facenda de exixir unha tributación retroactiva aos emigrantes retornados con pensións estranxeiras cando ficou “demostrado que descoñecían que tiñan que tributar por elo”. A parlamentar nacionalista contradeciu a Montoro cando a pasada semana afirmou que xa non se enviaban expedientes sancionadores, “cando ese mismo día recibimos chamadas de emigrantes retornados dicíndonos que acababan de recibir multas. Polo tanto, non se puxo fin á tramitación dos expedientes sancionadores”.

Razón pola que Davila demandou no pleno a “paralización definitiva dos expedientes”.

Explicou a parlamentar do BNG outro dos puntos recollidos na moción do BNG: unha modificación lexislativa debido á ambigüedade normativa existente. “Pedimos a modificación da Lei 35/2006, de 28 de novembro. Vostedes saben que hai Convenios asinados polo estado español con estados nos que houbo presenza de emigrantes, nos que se recollen aspeitos relativos ás pensións de xubilación”.

Uns Convenios, puntualizou, cuxo cometido é o de evitar a dupla imposición e que seguen as recomendacións da OCDE neste sentido. Máis, sinalou, a lexislación do estado español é ambigüa, pero “non o son as sentenzas xudiciais que son claras e anulan as directrices da Axencia Tributaria”. Reprochou Davila que Facenda “faga caso omiso destas sentenzas”, por iso é importante que se clarifique a lei.

A deputada do BNG criticou que se lles exixa a tributación retroactiva desde o ano 2008 porque “é unha grande inxustiza” dado que non tributaron por descoñecemento, dado que a lexislación non está clara. Por último, Davila reclamou que se facilite a devolución das sancións e intereses de mora aos afectados para evitar problemas a un colectivo de persoas maiores, que terían que incorrer en gastos de tramitación en asesorías ou xestorías.

Nese sentido, recalcou a necesidade de artellar mecanismos para que Facenda lles devolva as cantidade de oficio. “Facenda ten os dados de domicilio fiscal e de contas das persoas que pagaron”.

Á moción do BNG presentáronse emendas por parte de UPyD e por parte do grupo socialista. Davila desbotou a emenda de UPyD porque eliminaba os catro puntos da moción do BNG, e se limitaba a peder a devolución dos intereses e das sancións. Por outra parte, Davila aceitou transaccionar un texto final co grupo socialista ao incluir dous puntos novos que completaban a iniciativa pero que igualmente na votación foi rexeitada debido aos votos en contra do PP.