Plan Retorna, a aposta do BNG para recuperar á xente moza emigrada
- O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, presenta as medidas para a mocidade: “A xente nova é a chave para abrir as portas do tempo novo que queremos para o país”, proclama
- Unha caravana percorrerá 40 localidades para expoñer as propostas nacionalistas
“Sodes o motor, sodes a enerxía, sodes a forza, o talento, a creatividade, o atrevemento e a rebeldía. Sodes a xeración protagonista dese futuro que queremos para Galiza”. Así se dirixiu á mocidade galega o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, no acto de presentación do Programa de mocidade do BNG hoxe en Vigo, onde destacou a aposta estratéxica da formación nacionalista polo talento, a innovación e modernización do país, así como pola volta da xente moza galega que tivo que emigrar por falta de oportunidades na súa terra.
Bará asegurou que é preciso dar un grande salto adiante para facer de Galiza “unha nación respectada, avanzada, moderna, solidaria, igualitaria, con altos índices de xustiza social e benestar, con esperanza, futuro, traballo, unha vida digna e plena para todos e todas, pero sobre todo para a xente moza”, polo que sinalou que é preciso “deixar atrás o tempo do PP, dun goberno sen alma e sen ambición, sen ideas e sen confianza no país, resignado e submiso ás decisións que veñen de fóra”.
O candidato destacou que hai que aproveitar e desenvolver todo o potencial do país e poñelo a producir a pleno rendemento para situar a Galiza “no mapa e no futuro, entre as nacións máis avanzadas de Europa”. “Neste desafío que temos como país –dixo- só imos ter éxito se a mocidade é realmente protagonista, se lle permite coller coas mans o futuro e o destino deste país. Para iso o BNG leva un programa de goberno amplo, transversal, que toca todas as necesidades”.
Ese programa do BNG para o novo goberno de Galiza, segundo explicou Bará, pon especial atención nas medidas de promoción do emprego. “Nós temos unha aposta estratéxica polo talento e pola innovación, pola modernización do país, que debe ser a ferramenta que nos traslade a esa Galiza que queremos, a esa Galiza do futuro”, dixo, para explicar que a formación nacionalista aposta por duplicar o investimento en I+D+i e por incorporar ao sistema galego de I+D+i á xente nova “que ten talento, que está preparada e pode achegar o seu saber a este mundo da innovación e da modernización do país”.
En canto á volta a Galiza da xente moza que está na emigración, Bará defendeu a necesidade do seu regreso: “Por iso temos o Plan Retorna no programa de mocidade do BNG, para favorecer a volta a Galiza e a posta ao servizo do país da xente nova con talento e tamén da que emigrou por razóns de necesidade económica”.
Outras das propostas do BNG para a mocidade, dixo Bará, son a aplicación dun sistema de microcréditos para financiar proxectos de emprego xuvenil, a potenciación do emprendemento mediante empresas de economía social con financiamento tamén de entidades públicas como a banca pública galega, a mellora das condicións laborais e salariais dos contratos de formación e prácticas coa súa equiparación ao salario mínimo interprofesional -que se pretende incrementar na súa dotación-, e un plan de emprego xuvenil plurianual que contemple actuacións en todos os ámbitos, pero sobre todo nos sectores estratéxicos da economía do país para favorecer o relevo xeracional e a incorporación da xente nova.
“Estamos convencidos de que a mocidade é a chave para abrir as portas do tempo novo que queremos para Galiza. Esta é unha tarefa colectiva. É un gran desafío: difícil pero ilusionante”, finalizou.
Pola súa banda, o tamén candidato e responsable de Galiza Nova, Alberte Mera, presentou a caravana da mocidade galega que vai percorrer toda Galiza dende o día de hoxe ata o 25S para transmitir as medidas do BNG para a xente nova.
“Somos milleiros de mozos e mozas que estamos fartos de emigrar sabedores de que Galiza é un país rico no que é posible vivir, traballar e prosperar. Énchenos de carraxe que teñamos que despedir cada día a familiares, amigos e amigas… a máis de 100.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar dende que Feijóo chegou á Xunta”, dixo, para criticar que as medidas de mocidade do PP sexan “pagarlle con cartos de todos e todas a empresas alemás para que contraten mozos galegos de balde, por salario cero”.
“Somos a xeración máis formada da historia de Galiza e por iso non podemos resignarnos, por iso rebelámonos e apoiamos ao Bloque Nacionalista Galego, para cambiar as nosas vidas, construír a historia das nosas mans”, sinalou. Así, explicou que a caravana da mocidade galega é unha iniciativa de Galiza Nova que vai percorrer máis de 40 localidades de toda Galiza “transmitindo ilusión, alegría, ideas e propostas para un tempo novo para a mocidade galega. Medidas urxentes socializando a proposta nacionalista”.
Jésica García, tamén candidata e responsable de Galiza Nova en Vigo, fixo referencia ao que significa ser moza na Galiza, onde dixo que existe unha dobre opresión ao estar “sumidas nunha sociedade totalmente machista e tamén porque non podemos decidir por nós mesmas”. García destacou que unha das propostas do BNG é recuperar os centros Quérote totalmente desmantelados no 2009 por Feijóo, garantindo así que a mocidade galega poida acceder a un sistema público de información afectivo sexual e promovendo a igualdade e diversidade. Finalmente, tamén lembrou a proposta dun Plan galego de prevención e condición social sobre o terrorismo machista para perseguir o machismo no traballo, no ensino ou nos medios públicos.