Pistoletazo de saída para as Municipais co obxectivo de avanzar en todo o país e abrir un tempo novo
Ana Pontón: “Os deberes que nos poñemos son renovar as propostas programáticas e traballar nas candidaturas que lle porán cara”
Feijóo entretense co seu culebrón sucesorio, pero o debate que importa é a irrelevancia política á que conduce a Galiza, que perde oportunidades
O Consello Nacional, máximo órgano do BNG entre asembleas, deu luz verde á preparación da estratexia electoral de cara as eleccións municipais de 2019 que inclúe a elaboración dos programas, con propostas específicas para as grandes cidades, e a conformación das listas coa aprobación do regulamento que utilizarán as bases para a designación de candidatos e candidatas.
“Este CN significa o pistoletazo de saída da preparación das eleccións municipais”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “por iso un dos deberes que nos poñemos hoxe é empezar a elaborar a estratexia municipal 2019, a renovación das nosas propostas programáticas e traballar nas candidaturas que lle poñerán cara a esas propostas”, indicou na súa intervención, na que tamén avanzou o inmediato cumio de concelleiros e concelleiras “para empezar a poñer en común as bases desa estratexia”.
O BNG enfronta os comicios locais “con optimismo” e co aval dos proxectos sólidos e de éxito desenvolvidos polos concellos nacionalistas, referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, rexeneración urbana e de dinamismo económico e social.
“Os concellos do BNG levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador e conseguimos situarnos como referente internacional de cambio nas cidades, os concellos BNG son unha marca de calidade e demostramos que temos alternativas aos problemas”, salientou Pontón. Mobilidade nas urbes, comercio de proximidade, abaratar o recibo da luz, coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, xestión ambiental sostible, e modelos urbanos de proxección internacional, enumerou.
Por iso, animou, “en 2018 temos que saír a por todas, con optimismo, con novos proxectos e ideas e coa man tendida a todas as persoas que confían nas potencialidades de Galiza e queren construír desde nós e para nós”, buscando espazos de intersección cos movementos sociais, culturais, veciñais con toda a xente que comparta a idea de tirar para adiante deste país”.
Neste sentido, a formación nacionalista ve nas eleccións municipais a oportunidade de lograr un avance en todo o país e, por outro lado, o preámbulo dun cambio na Xunta.
“Unha das nosas prioridades vai ser traballar para darlle un novo impulso ao BNG nas eleccións municipais, onde non só consolidemos a representación senón que avancemos en todo o país coa ollada posta nas cidades”, indicou Pontón. Igualmente, “enfrontamos estes comicios como unha oportunidade para poñer en marcha un tempo novo para Galiza, que deixe atrás as políticas que están machacando ao país, creando desigualdade e emigración”.
Construír desde a ilusión
“Porque o máis importante é reilusionar aos galegos e as galegas e deixar atrás esa política casposa que esconde a unha Galiza orgullosa da súa identidade, moderna e conectada coas principais correntes de pensamento”, argumentou.
Pontón considera que o país precisa, “máis que nunca”, dun BNG “forte” para poñer Galiza no centro do debate político e superar os discursos derrotistas, “eses que repiten a milonga de que este país vive da solidariedade do Estado, ademais de mentira é un insulto ás persoas que cada día se levantan e traballan duro”. Para construír o futuro “hai que enterrar o derrotismo e construír un proxecto de país desde a ilusión e a convicción”.
Para iso, e pensando nos grandes retos de país, a dirixente do Bloque considera urxente deixar atrás a irrelevancia política á que o presidente da Xunta conduce a Galiza coa súa estratexia de subordinación a Madrid.
Retos de país
“O debate que importa non é se Feijóo vai presentarse á reelección ou non, a min abúrreme moito e paréceme unha trécola para facerse o importante. O debate que nos importa aos galegos e galegas é frear a irrelevancia política a que nos conduce, que nos quere baixar do tren das nacións”, salientou.
Entre eses retos: crear emprego de calidade, defender os servizos públicos, parar a sangría da emigración e do declive demográfico, apostar pola ciencia e a innovación como piar de desenvolvemento ou situar como prioridade política a igualdade real entre mulleres e homes, enumerou, con especial relevancia á cuestión do financiamento autonómico.
BNG, referencia do cambio necesario
“É tremendamente preocupante que teñamos a un presidente que non confía no noso potencial e se apunta á teoría do país pobre e dependente de papá Estado cando a realidade é xusto a contraria”, salientou. O Bloque érguese como “dique de contención” contra a “onda recentralizadora” e aposta por “sumar forzas en defensa do país” e continuar na senda de converter ao BNG “na referencia do cambio político que precisa Galiza”.