As PEMEs do Morrazo sofren impagos de 5 millóns euros do naval pola falta de compromiso da Xunta
Bará propón vincular as axudas ao naval ao pago desta débeda, acabar coa chantaxe do sector ás auxiliares e estudar a condonación de débeda coa Administración, pero a Xunta evita pronunciarse
Denuncia que o Goberno do PP leve 2 anos sen atender á petición de reunión dos afectados e pide ao conselleiro de Industria “que dea a cara”
O BNG trasladou ao Parlamento a grave situación que soportan as empresas auxiliares da comarca do Morrazo polos impagos do sector naval que ascenden a un total de 5 M€s, débeda que ten provocado “un auténtico drama social e persoal” aos afectados.
Así o describiu o deputado Luís Bará quen criticou a falta de compromiso da Xunta coas empresas e as persoas autónomas afectadas ante un conselleiro de Industria que evitou pronunciarse sobre as propostas formuladas polo Bloque para darlle unha solución a esta situación.
En concreto, o Bloque propuxo que a Administración pública condone as débedas aos afectados, que se vincule as axudas públicas ao sector naval a que este salde os impagos coas empresa e traballadores autónomos e, en terceiro lugar, que a Consellería de Industria adopte as medidas necesarias para acabar coa situación de chantaxe á que o sector naval somete as auxiliares, mesmo esixíndolle que se esquezan do pago da débeda se queren ter carga de traballo.
“Empresas que están desesperadas e ás que a Xunta pechou as portas pese a que están soportando un auténtico pesadelo, pese a que perderon 500 postos de traballo”, indicou Bará, o que non impide que “a Administración de Facenda e os bancos lles reclama pagos agravando o calvario”.
A gravidade da situación da que non son responsables, indicou o deputado do Bloque, está provocando doenzas físicas e psíquicas entre os afectados, perda de propiedades, débedas que pasan en herdanza. “E ante esta situación dramática as portas da Xunta están pechadas e as súas peticións de entrevista terminaron na papeleira”, recalcou Bará, quen pediu ao titular de Industria, Francisco Conde, que aproveitase a presenza dos afectados no Parlamento para recibilos.
“Vostede que é conselleiro de Industria tampouco os recibiu o que é totalmente inxustificable, ten unha oportunidade magnífica de corrixilo recibíndoos hoxe tras esta sesión e dígalles que van facer para arranxar a situación”, reclamou o deputado por Pontevedra.
Bará fixo a Xunta tres demandas claras dirixidas ao conselleiro de Industria.
“Primeiro, atenda aos afectados, que se lles preste apoio técnico e xurídico porque están pasando unha situación desesperada e merecen como mínimo esa atención. En segundo lugar, estuden a posibilidade de condonar as débedas coa Administración porque estas persoas están vivindo un calvario produto dunha situación da que non son responsables porque a débeda é das empresas do sector naval e ascende a cinco millóns de euros en impagos”.
Solucións para os afectados
E, en terceiro lugar, demando que en lugar de “ir de ganchete” das empresas do naval condicione as “cuantiosas” axudas que van a este sector “a que salden a súa débeda coas auxiliares que soportan os impagos e, ademais, tomen medidas para evitar a situación de abuso por parte do naval a estas empresas “ás que chantaxean vilmente esixíndolle a condonación da débeba como condición para seguir traballando. Van eliminar esas prácticas?”, concluíu Bará.
A Xunta eludiu ningún compromiso sobre as propostas do Bloque alegando falta de información suficiente, o que levou ao deputado a volver pedir a Conde “que corrixa o desprezo e abandono mostrado até agora dando a cara ante os afectados, falando con eles aproveitando a súa presenza na Cámara. Fale con eles tras esta intervención e dígalles que van facer para arranxar esta situación inxusta”, concluíu.
Unha representación das persoas e empresas afectadas seguiron e debate en pleno da pregunta do BNG, acompañados polo concelleiro de Moaña Odilio Barreiro, pregunta ao conselleiro de Industria que, explicou Bará, “xa tivo resultados posto que levaban dous anos ignorando a súa petición de reunión e contactaron para concertar esa entrevista precisamente para hoxe pola tarde para evitar que estivesen neste debate. Así actúa o PP”.