Paz critica a Medio Rural por negociar 300 millóns de euros menos para Galiza en axudas da PAC

A deputada do BNG  critica a titular de Medio Rural por ir a Madrid a “non facer dano a Arias Cañete e negociar unhas axudas inxustas para Galiza”

Pleno-. Tras a comparecencia da titular de Medio Rural, Rosa Quintana, a petición propia, para informar dos acordos das axudas da política agraria común no marco europeo estatal, a deputada do BNG, Tereixa Paz asegurou que ante os resultados para Galiza, a conselleira galega foi a Madrid “a non facer dano a Arias Cañete e negociar unhas axudas da PAC inxustas para Galiza”.

Paz explicou que a consellería de Medio Rural defendeu en Madrid un “status quo” no que Galiza perdeu o 85% da poboación ocupada no medio rural presentando esta realidade como “unha reconversión e non un peche do rural”, sen ningunha alternativa ou posto de traballo noutro ámbito do rural. Esta realidade, dixo, provocou a falta de “relevo xerneracional e unha regresión demográfica sen parangón”.

Medio Rural defendeu en Madrid criterios que prexudican ao agro galego

Desapareceron as dúas terceiras partes das explotacións e a media de hectáreas por explotacións é de 8, concentrándose repregada nunha parte moi pequena do territorio. As nosas explotacións, explicou, son o 40% menos de superficie que na Unión europea e Galiza conta con só 20% da superficie agraria e máis do 20% do territorio abandonado. Considera vostede, preguntou que con esa PAC que negociaron en Madrid mantendo ese “status quo” sen incorporar máis superficie agraria ás explotacións, van resolver o problema?

De verdade, engadiu, pode vostede saír aquí e defender que con estas medidas imos resolver a situación?. Pode vir aquí e compararnos con quen queira, criticou, pero a realidade é que os gandeiros galegos perciben o 3,2% das axudas da PAC a pesar de representar o 6% da produción agraria, vendemos produtos en bruto, leite e animais vivos, pero non temos transformación , recalcou que resulta un grave problema.

307 millóns menos para políticas de desenvolvemento rural

 Tereixa Paz negou que as dificultades existentes no agro galego podan resolverse coa política de desenvolvemento rural pactada pola conselleira en Madrid, “con 307 millóns de euros menos, afirmou, os problemas non se resolven”.

No período anterior, lembrou foron 1.493, 9 millóns de euros e a previsión para o 2014-2020 será de 1.186,4 millóns de euros, “o que é medíbel non é opinábel” dixo parafraseando á propia conselleira do Medio rural.

Dende o BNG, só agardamos que esta cantidade vaia orientada aos problemas galegos, “á demografía, as baixas rendas dos nosos agricultores, a baixa utilizacións de terra e a debilidade do noso sector de transformación”.

A deputada do BNG reta á conselleira de Medio Rural

Finalmente, Tereixa Paz pediu á conselleira Quintana que retirara as súas declaracións sobre a elaboración dun novo PDR contrario á do bipartito que permitía pistas de padel e tanatorios. A deputada do BNG fixo entrega das resolucións dos proxectos dinamizadores do 2007-2013, co compromiso de “dimitir” si no período 2007-2009 existe na documentación entregada, algunha pista de padel.