Paulo Ríos pide medidas que garantan a seguridade sanitaria no transporte colectivo
O deputado e portavoz en materia de mobilidade do BNG, Paulo Ríos rexistrou diversas iniciativas no Parlamento galego reclamando medidas á Xunta que garantan a seguridade sanitaria no transporte colectivo. As iniciativas, que serán debatidas en comisión e pleno da Cámara galega, instan ao goberno a aumentar e mellorar os servizos rebaixando as ratios de ocupación por vehículo.
O deputado incide no importante papel do transporte público para o desenvolvemento socioeconómico da poboación galega, ben para “estudar, traballar ou realizar activades culturais e cotiás”. A maiores, apunta o nacionalista, o trasporte público vese reforzado polos servizos ferroviarios, autobuses e mesmo nalgunhas vilas polo barco.
No contexto de pandemia que estamos a vivir, na súa opinión, urxe “garantir a seguridade” co fin de frear os contaxios e expansión do virus. Pola súa parte, a Xunta, explicou Paulo Ríos, adoptou medidas restritivas xunto ao goberno do estado, “confinamento de 60 concellos, peches da hostalaría e toque de queda das 23hs até as 6 da mañá en todo o territorio galego”.
Ante as protestas das usuarias destes servizos que ven vulnerada a súa seguridade e saúde e tras a decisión da Xunta de permitir a ocupación total de prazas no transporte colectivo, o deputado do BNG preguntará ao goberno si considera acertada a súa decisión, si garante a seguridade dos usuarios e usuarias e si ten previsto restrinxir as prazas no transporte público.