Patrimonio confirma ao BNG a parálise do expediente BIC do museo Carlos Maside, dende hai 11 anos
Mercedes Queixas denuncia “desleixo” do goberno co capital galego da memoria do exilio e vangarda da arte contemporánea
Acusa á Xunta de “complicidade” e ao administrador do conxunto de Sargadelos de obstaculizar o avance da declaración BIC
A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre as actuación da Xunta para declarar Ben de Interese Cultural, (BIC) o Museo Carlos Maside. Queixas destacou que no ano 2010 foi aprobado no Parlamento galego un acordo que “non se está a cumprir” polo que preguntou ao goberno cales son as razóns desta parálise.
Pola súa parte, a directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua confirmou que do expediente está parado porque continúan elaborando estudos e informes entre os que destacou o solicitado ao Consello da Cultura galega no que o organismo insta á Xunta de Galiza a incoar o expediente BIC, manter a unidade da colección e protexer tanto o continente como o contido.
Na súa intervención, Mercedes Queixas destacou a relevancia do Museo Maside de arte contemporánea así como o legado de proxecto vertebrador de País dos creadores, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, “un capital cultural galego” que suma a memoria cultural do exilio e a vangarda da arte internacional desde a achega galega.
Tras a resposta da titular de Patrimonio, a nacionalista denunciou “o desleixo” do goberno galego e afirmou que se a Xunta de Galiza non protexe este ben único, expresión do legado da nosa memoria histórica, da memoria do exilio e e da nosa arte de vangarda será “cómplice da súa destrución” por telo abandonado en mans do administrador do conxunto de Sargadelos que prima os criterios economicistas fronte “o inigualábel valor artístico e histórico”
.Cantos anos máis teñen que pasar dedicando tempos a estudos, informes, análises para que o goberno galego defenda este patrimonio? preguntou. A resolución inmediata do expediente BIC implicará a protección e conservación do Museo Carlos Maside e a súa viabilidade. “Se continúan vivindo no consentimento negador, aínda que sexa silencioso, estarán renegando dos acordos democráticos desta cámara, dos soños e traballos de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e desprezando as peticións de garantía por parte da familia descendente na actualidade”.
Non actuar axiña para proceder a incoar o BIC, recalcou a deputada é sinónimo de “claudicar das súas responsabilidades como goberno” e renunciar a garantir o coidado do legado dos bens patrimoniais culturais recibidos para os transmitir ás vindeiras xeracións, polo que terán que asumir as consecuencias da irresponsabilidade deste desmantelamento, sentenciou.
O informe do Consello da Cultura galega a declaración BIC
Como recomenda o informe do Consello da Cultura galega, explicou a deputada do BNG, é necesaria unha adecuada xestión do Museo Carlos Maside e dotalo dunha personalidade xurídica única que garanta non só a preservación dos seus contidos senón tamén a súa posta en valor, a difusión e o enriquecemento dos seus fondos.
A familia, remarcou Queixas “demanda con urxencia a incoación de expediente BIC para atender a tempo a conservación da obra á vista das deficiencias e abandono do edificio” e despois de 11 anos, non entendemos porque está detido o proceso e quen está poñendo obstáculos para que a declaración BIC non avance. Neste sentido, lembrou que o administrador actual , Segismundo García retirou, sen consultar ao Laboratorio de Formas, propietario do 50%, varias obras pictóricas do Museo e declarou publicamente a súa negativa a declaración BIC por considerar que pode condicionar os usos do espazo. A maiores, engadiu mesmo ten proposto cambiar o nome do Museo.
Se a Xunta de Galiza non protexe este ben único, expresión do legado da nosa memoria histórica, da memoria do exilio e da nosa arte de vangarda será “cómplice da súa destrución” e de deixalo en mans dun administrador movido exclusivamente por criterios economicistas. Cantos anos máis teñen que pasar dedicando tempos a estudos, informes, análises…? Que máis precisan para salvar un patrimonio que é legado de todos?
A resolución inmediata do expediente BIC implicará a protección e conservación do Museo Carlos Maside e a súa viabilidade,concluíu.