O Partido Popular contradí a Feijóo e oponse a impedir a suba das taxas na Universidade

O Partido Popular opúxose hoxe no Parlamento a unha iniciativa do BNG, defendida polo deputado Carlos Aymerich, que tiña por obxecto impedir o incremento do prezo das matrículas universitarias por riba do incremento experimentado polo IPC.

A proposición non de lei nacionalista tamén tentaba instar á Xunta a incrementar o financiamento público do ensino superior até acadar a media estatal en 2015 e a media da UE en 2020, así como mellorar a dotación de bolsas e a dotación de servizos, como os residenciais, que contribúen eficazmente á igualdade no acceso e permanencia na Universidade.

O voto en contra do Partido Popular evidenciou, segundo Aymerich,que os anuncios de Feijóo e do consellleiro rexeitando a aplicación en Galiza das medidas adoptadas polo ministro Wert son palabras baleiras e, no caso concreto do “sempre servil conselleiro Jesús Vázquez”, son un claro intento de desviar cara os reitores a responsabilidade “por unha medida que ten un selo claro, o selo do PP”.

Aymerich defendeu a súa iniciativa como unha forma de facerlle fronte á evidente “agresión” do Estado ás competencias galegas e á autonomía das universidades, así como á concepción dunha universidade “elitizada” que se quere implantar.

Os anuncios de Feijóo e do consellleiro Jesús Vázquez son un claro intento de desviar cara os reitores a responsabilidade

Para o deputado nacionalista, fica evidente que este é obxectivo último do ministro, toda vez que as súas políticas e distintas declaracións van sempre na liña de cuestionar a calidade do actual sistema universitario, criticando a súas masificación e pondo enriba da mesa, como medida para correxila, restrinxir o acceso.

Estes límites máis os recortes no orzamento, van supoñer unha dificultade engadida para os estudantes de familias con ingresos medios ou baixos, que van ter moito máis difícil poder cursar estudos superiores.

Aymerich fixo un chamamento ao PP para que reflexione e escoite a voz dos milleiros de pais, profesorado e estudantado que onte mesmo saíron á rúa a reclamar un ensino público de calidade, en todos os seus niveis.