A parte da profesora da Pontenova, cantas ensinantes máis son reprendidas por dar aulas en galego?
Para o BNG é inadmisíbel o incumprimento reiterado por parte da Consellaría de Educación do Plan Xeral de Lei de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade en 2004, que indica que como mínimo debe garantirse que o alumnado recibo o 50% da súa docencia en galego
O BNG rexistra no Parlamento unha batería de preguntas para que a Consellaría de Educación aclare o número de profesoras e profesores que son reprendidos por dar aulas na nosa lingua, así como os motivos que impulsou á administración pública galega o incumprimento reiterado do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004.
A organización nacionalista responde así á denuncia pública dunha profesora de Matemáticas do IES Enrique Muruais da Pontenova, feita a través das redes sociais, na que daba conta da chamada que recibiu da Consellaría de Educación para a reprender por impartir aulas en galego.
Desde a aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química só poderán ser impartidas en castelán ou en inglés, mais nunca en galego.
Sen embargo, este decreto, que foi masivamente rexeitado desde a súa aprobación, contravén o disposto no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade en 2004 e que recolle entre as medidas a adoptar “na educación secundaria obrigatoria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas”.
Para o BNG é inadmisíbel o incumprimento reiterado por parte da Consellaría de Educación ido Plan Xeral de Lei de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade en 2004, que indica que como mínimo debe garantirse que o alumnado recibo o 50% da súa docencia en galego.