O Parlamento Galego homenaxeará ás vítimas do Franquismo e a Alexandre Bóveda
BNG acadou o acordo unánime de resolución do Parlamento galego para organizar unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo, contando coa participación das asociacións de memoria histórica e as vítimas, e un acto de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, en recoñecemento á súa esencial participación no impulso e aprobación do Estatuto do 36 e aos valores de compromiso na defensa de Galiza e concordia expresados por Bóveda.
A iniciativa nacionalista defendida polo deputado Luís Bará incluía tamén a institucionalización do Día da Galiza Mártir, o 17 de agosto, como data de homenaxe e lembranza a todas as vítimas do fascismo franquista, mais, segundo recalcou, co obxectivo de acadar un acordo que representa un paso adiante importante ao posibilitar a homenaxe do Parlamento galego ás vítimas e á figura que mellor as simboliza, Alexandre Bóveda, o BNG deixa para outra ocasión a segunda cuestión.
“En aras dese acordo, deixaremos para outro momento do debate que queda de lexislatura, e senón para facelo máis adiante dende o Goberno, a declaración institucional do Día da Galiza Mártir”, indicou, logo de amosar a súa incomprensión pola negativa do PP a recoñecer o carácter institucional desta data, “cando xa deron ese paso o PP de Pontevedra, o de Poio ou o PP na Deputación de Ourense, onde apoian eses actos, asisten a eses actos e que mesmo no caso de Ourense adoptaron un acordo pedindo á Xunta que celebre o Día da Galiza Mártir”.
“Que falta para que o PP galego acabe de superar esta cuestión e asuma a importancia de celebrar esta data con carácter institucional en toda Galiza?”, cuestionou, logo de lembrar que a propia Fundación Alexandre Bóveda defende a necesidade de que sexa unha conmemoración compartida por todos os grupos políticos e de lembrar que se leva celebrando “de maneira paraoficial” dende que fose instaurada pola Irmandade Galega en Bos Aires no ano 1942.
Bará recordou que para o BNG, o acordo é “un acto elemental de xustiza e de reparación simbólica” para recoñecer pública e oficialmente a todas as persoas que sufriron a represión da ditadura franquista e, neste sentido, quixo rematar a súa intervención invocando á memoria de todas as persoas que sufriron a represión.
“Aquí ninguén quere patrimonializar a memoria -recalcou-; Alexandre Bóveda non é un símbolo da memoria galega porque o BNG o convertese en símbolo da memoria galega”. “Bóveda é un símbolo porque o converteu en símbolo a persoa que máis fixo por Galiza ao longo da historia que foi Castelao”, incidiu para a continuación concluír que “con Bóveda, como se fai no Estado español con Lorca, ou noutros lugares do mundo con outras persoas, simbolízase a todas as vítimas”.