O Parlamento Europeo debe vetar o acordo de pesca con Mauritania

Miranda critica a "incapacidade" do Goberno central e autonómico para frear a entrada en vigor do acordo tras ser aprobado polo Consello Europeo

Solicita o pago inmediato das indemnizacións á frota cefalopodeira e que se manteñan ata dispor dunha solución definitiva

O BNG solicita que o Parlamento Europeo rexeite o acordo pesqueiro asinado entre a UE e Mauritania antes de que o país africano reciba a contrapartida económica de 67 millóns de euros con cargo aos orzamentos comunitarios, como compensación por faenar nas súas augas.

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, explicou esta proposta aos mariñeiros da frota cefalopodeira pechados na casa do Concello de Marín en protesta por un acordo "discriminatorio e inxusto", que deixa fora das augas do país africano á totalidade dos 24 barcos galegos que faenaban neste caladoiro. "É evidente que unha vez que Mauritania reciba o ingreso establecido no convenio a capacidade da UE para renegociar un novo texto se verá seriamente comprometida", alegou.

Miranda salientou que a decisión dos Estados membros de aprobar o protocolo no Consello Europeo "é unha dificultade engadida" no obxectivo de acadar unha renegociación do acordo, xa que tanto a Comisión como o Consello deixaron só ao Parlamento. Unha vez que os Estados, con excepción de catro encabezados por España, deron luz verde ao protocolo "as posibilidades de encontrar unha alternativa tornouse máis complexa".

Neste sentido, a eurodeputada criticou a "desidia e o abandono" da Xunta á hora de dar alternativas, así como a "incompetencia política" do Goberno central "que foi incapaz de buscar unha minoría de bloqueo no Consello Europeo, -4 membros de 27 que representen o 35% da poboación-, para frear a entrada en vigor do protocolo".

Pago das axudas

Con este escenario, Miranda considera imperativo que a totalidade dos mariñeiros afectados perciban as axudas de xeito inmediato e lamenta que case seis meses despois de asinar o acordo de pesca, moitos dos traballadores dos barcos cefalopodeiros aínda non teñan recibido as compensacións económicas establecidas. Ademais, o BNG demanda que as axudas para a frota afectada se prolonguen ata que exista unha solución definitiva á expulsión de Mauritania que os mantén amarrados a porto.

Hai que lembrar que o acordo con Mauritania é o maior de todos os asinados pola UE en materia pesqueira. O custe ascende a 67 millóns de euros cunha vixencia de dous anos. A frota cefalopodeira galega, que daba emprego directo a uns 400 mariñeiros, quedou excluída das posibilidades de capturas asinadas no convenio por entender que polbo e lura estabán sobreexplotados, algo que negan tanto os informes científicos do Instituto Oceanográfico Español como a propio sector.