Parlamento: o BNG defende en solitario a conversión de NGB en banco público

O voceiro de Economía do G.P do BNG, Carlos Aymerich, lamentou a oposición de PP e PSdeG a unha iniciativa nacionalista que tiña como obxecto demandar do FROB a transferencia á Xunta da súa participación en Nova Galicia Banco e formular un plano de conversión en entidade pública de crédito.

Aymerich amosou a súa sorpresa sobre todo pola abstención dos socialistas, toda vez que nas últimas semanas se sumaron á petición de Banca Pública do BNG, amosándose partidarios da creazón dun Instituto Público de Crédito.

O parlamentar ironizou sobre o voto en contra dos populares e lembrou que se realmente Feijóo quere pedir unha igualdade de trato entre Bankia e NGB “hoxe tiña unha oportunidade de ouro coa nosa iniciativa”.

Bankia

Neste sentido, afirmou que a nacionalización de Bankia abre a porta para que a Xunta se poida facer coa maior participación de Nova Galicia e así garantir o compromiso efectivo da entidade co País.

Se Bankia é “sistémica” para España, Nova Galicia Banco é “sistémica para Galiza”.

“Aplicar a mesma vara de medir a Bankia e a NGB implica nacionalizala tamén –dixo- non subastala nin vendela a prezo de saldo a investidores estranxeiros”.

Aymerich insisitiu en que Banca Pública haina nos países máis desenvolvidos, como Alemania, e advertiu de que se Bankia é “sistémica” para España, Nova Galicia Banco é “sistémica para Galiza”.

A proposición non de lei nacionalista incluía outros dous puntos, un deles reclamando o pleno reintegro das indemnizacións percibidas polos ex directivos de NGB e outro relacionados coa fraude das preferentes, para que se dea cunha solución inmediata á estafa.

Preferentes

Esta cuestión tivo continuidade no debate doutra iniciativa, tamén a proposta do BNG, que pretendía instar á Xunta a condicionar calquera cambio da situación accionarial de Nova Galicia Banco á previa solución da fraude das preferentes, que foi rexeitada cos votos do PP.

Aymerich xustificou a defensa desta iniciativa en comisión porque malia que xa existe un pronunciamento en pleno no mesmo sentido aínda non se fixo nada ao respecto e a situación dos máis de 100.000 afectados vai a peor.

Para os clientes VIP si hai solucións pero non para os das preferentes

O deputado nacionalista asegurou que todo o que está facendo até o de agora NGB vai na direción contraria a como se debera actuar e advertiu que o camiño non é pechar temporalmente oficinas, como ocorreu hoxe en Moaña, para evitar as protestas nin reunirse cos afectados “para dicirlles que canto máis protesten, peor”.

Para o parlamentar, este non é só un problema económico senón que tamén é político, polo que considera que cando se fala de saneamento e reformulación do sistema financieiro “esta estafa debería ser unha cuestión prioritaria”.

Concluiu cuestionando o argumento de que non hai cartos, pois segundo un documento da semana pasada da propia Nova Galicia Banco fÍxose unha oferta para recomprar cédulas hipotecarias por valor de 400 millóns de euros, “é dicir –dixo- para os clientes vip si hai solucións pero non para os das preferentes”.